Opinión

A forxa militante

Con frecuencia aparecen voces que foron protagonistas na Transición apelando a un "antes" no que se podía "dicir cousas", que se era "máis libre", mesmo en época da Ditadura, por mor, din eles, da cultura do "politicamente correcto".

Soen ser lamentos pola mocidade e fama perdidas, xunto coa perda da posición privilexiada e hexemónica do seu discurso e o avance do feminismo ou do antirracismo.

A cambio, cando escoito xente militante do antifraquismo, non atopo esa nostalxia reaccionaria, senón a conciencia do fráxil que poden ser as democracias e a necesidade de defenderse dos retrocesos sociais, pola vivencia das dificultades padecidas en propio corpo para chegar ás liberdades civís e políticas.

Nun encontro mantido arredor dos libros Castelao, plástica e pensamento 1903-1016, de Xesús Piñeiro, e da obra Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego, de Luís Gonçales Blasco, 'Foz', descubrín detalles da nosa xenealoxía como movemento político nacionalista –entendido en toda a súa amplitude de organizacións e espazos–; anécdotas que foron forxando a militancia durante o franquismo e alumaron a esperanza dun tempo novo. Facer Memoria das loitas –sen nostalxia e con rigor– homenaxea o pasado, pero, sobre todo, rega o presente. Non foron mellores os tempos pasados, houbo un réxime político brutal que torturou e asasinou até o seu final. Polo camiño, a militancia foise compoñendo de detalles coma a folga de 1964 no Seminario de Mondoñedo, contra a pretensión de dar as aulas de Filosofía en latín, o descubrimento do Sempre en Galiza nas partes clandestinas das librarías, o exilio en Portugal de líderes da UPG coa represión tras o asasinato de Reboiras, a homenaxe a Celso Emilio no Hotel Roma de Ourense en 1966 –considerado por Ramón Piñeiro unha "trapallada demagóxica", a edición e difusión do panfleto O Estado español contra Galiza, de Foz e Harguindey… Un tempo en que facer un cartaz era un acto político de primeiro nivel. Menos nostalxia e máis memoria.

Comentarios