Opinión

A cidadanía dixital

Ter teléfono móbil é case hoxe unha condición sine qua non para ser considerada cidadá ou cidadán. Co teléfono obtéñense as claves para operar na banca electrónica, co teléfono votamos nas organizacións políticas, obtemos a nosa información tributaria e da Seguridade Social e no teléfono está cada vez máis a esfera pública de discusión.

Faise case imprescindible termos certificado dixital e facer trámites na rede na vida cotiá, pero isto non se acompaña cunha simplificación administrativa, moitas veces, polo arrevesado dos formularios online, porque nas oficinas se continúa a traballar en papel e pola falta de investimento en persoal e formación nas Administracións Públicas, a pesares do Plan de Dixitalización en curso. Mesmo apenas hai debate sobre o uso de software privativo por parte das diversas institucións e instancias do Estado. Ao final, a cidadanía case que ten que recorrer a unha xestoría para tratar coa administración, sobre todo as persoas de máis idade, porque cubrir un formulario pode semellar sinxelo, mais debes exactamente marcar todas as casiñas correctamente, pois do contrario dará erro. 

As persoas a nivel particular non estamos obrigadas á relación electrónica coa administración, pero si asociacións veciñais ou culturais para, por exemplo, tramitar subvencións ás que teñen dereito; e isto, en moitos casos, supón un freo en entidades que funcionan con voluntarismo. 

Semella que o dixital é etéreo, mais require soportes potentes, formación e uso de enerxía. Algo tan simple como a mellora que supoñen as distintas aplicacións intuitivas para facer trámites –como pedir cita médica na app do Sergas– require de algo tan banal coma dispor de espazo suficiente no teléfono.

Cómpre incentivar as vantaxes da dixitalización e reflexionar sobre os seus inconvenientes e, sobre todo, cómpre equiparar dereitos no acceso á cidadanía, con servizos públicos de facilitación dos trámites da Administración, como dispor dunha persoa de apoio nos municipios.

Comentarios