Opinión

Unha aposta necesaria polo diálogo

O conflito é unha circunstancia que de sempre acompañou á condición humana. Todo cambio individual, grupal ou social está precedido por este elemento. Tal é así que, alí onde haxa persoas haberá conflito: consigo mesma, coa parella, coa familia, na escola, no traballo, coas institucións, coa veciñanza…

Ante esta realidade inevitable pode aparecer a indefensión, levándonos a transitar polas disputas ao ritmo que estas mesmas impoñen. Tal é así que, na peor das condicións, estes conflitos poden devir en importantes custos económicos e de tempo, entre outros, carrexar notables consecuencias xurídicas ou políticas ou ben perturbar a saúde mental das persoas implicadas.

Porén, tan antiga e universal como a humanidade son os intentos de dar unha resposta socialmente aceptada á conflitividade. Artellamos mecanismos nos que unha terceira persoa ou órgano colexiado encárgase de adoptar unha resolución aos feitos en disputa, como é o caso da arbitraxe ou da vía xudicial. Mais tamén dispuxemos ferramentas que permiten ás partes en conflito chegar voluntariamente a un acordo que resolva a súa controversia. Aquí é onde cabe o mecanismo que nos ocupa: a mediación. Un instrumento cunha longa tradición na nosa comunidade, pero que recibiu o apoio social definitivo coa aprobación, no ano 2012, da Lei 5/2012, de 6 de xullo, de mediación en asuntos civís e mercantís.

A mediación é un método para xestionar e resolver conflitos que facilita un espazo de comunicación no que as persoas implicadas acadan solucións por si mesmas. Neste proceso están acompañadas por unha persoa mediadora, encargada de promover as condicións e mobilizar os recursos necesarios para garantir un diálogo construtivo.

Esta ferramenta implica un cambio de paradigma en relación á xestión das controversias: pon a ollada na mellora da calidade de vida das persoas a través do fortalecemento da súa autonomía, responsabilidade e empoderamento. Estamos ante un mecanismo rápido e eficaz para a xestión das disputas, baseado nuns principios que o sosteñen:

Voluntariedade: a diferenza do que ocorre con outros mecanismos de xestión de conflitos como pode ser a vía xudicial, na mediación son as persoas implicadas as que libremente elixen iniciar e finalizar o procedemento se así o consideran. Acadar un acordo non é unha obriga.

Imparcialidade: a persoa mediadora dirixe o procedemento, achega posturas e restablece a comunicación; todo iso sen propoñer solucións e garantindo o equilibrio na participación das persoas en todos os momentos do proceso.

Neutralidade: a persoa mediadora non xulga e non mostra preferencias por ningunha das persoas ou posicións en disputa.

Confidencialidade: a mediación é un espazo de confianza; así, a información xurdida ao longo de todo o proceso non pode ser empregada fóra deste eido.

Boa fe: a honestidade e a colaboración como valores protagonistas no transcurso de todo o procedemento, e máis, se cabe, na procura de solucións beneficiosas para todas as persoas en conflito.

Nestes días, nos que se conmemora o día europeo da mediación, é un bo momento para repensar e redefinir os pactos de convivencia que queremos para o noso benestar colectivo, familiar e individual. O ruído e o enfrontamento diario ao que asistimos no político, social e económico, pouco contribúe a mellorar as nosas vidas, as nosas relacións e o noso benestar. Vivimos con indignación, pensando en mellorar no individual, nunha constante competición, reaccionando á defensiva e deslexitimando á outredade. Así non avanzamos como sociedade, non gañamos benestar e danamos os contextos de relación nos que participamos.

É tempo de investir en cultura de paz, de transitar vías de diálogo e respecto para resolver as discrepancias. Chegar a puntos de encontro que non impliquen renuncias imposibles, mais que si permitan concesións aceptables. Un modo de ser e estar que favoreza o "gañar-gañar", en detrimento do "gañar-perder", na familia, no traballo e na comunidade. É o noso ben vivir o que está en xogo. Os beneficios dos que gozaremos ben merecen o esforzo.

Comentarios