Opinión

Proveito político do deporte-espectáculo

Farto estou de sentir non só os dirixentes do PP, que falan por interese, senón pléiades de xornalistas que proclaman que tal ou cal partido «gañou as eleccións». A falaz expresión viría dos Estados Unidos onde, sendo só dous os partidos con posibilidades, sempre gaña un e o outro perde. Pero moito máis deriva o «gañar as eleccións» da terminoloxía deportiva que leva moito tempo introducíndose á forza na sociedade por unha única vía, os medios de comunicación. Única, si, mais extensa, todopoderosa, eficacísima. Termos deportivos ben asimilados por unha sociedade onde a inmensa maioría de usuarios xamais practicou deporte ningún, fóra dunhas patadiñas na infancia.

Afírmase así, alegremente, que «gañou as eleccións» —basta o exemplo das pasadas xerais— un partido, o PP, que obtivo o 28% dos votos válidos: dous de cada sete. Isto é, cinco de cada sete non votaron por el... ou fixérono en contra. Así se gaña? Tratábase dunhas eleccións: non do derby nin dunha carreira pedestre (sen contarmos con que financiamento ilegal cheira que fede a fraude electoral reiterado).

UTILIDADE DAS VITORIAS DEPORTIVAS

A influencia da ideoloxía deportiva nesta nosa sociedade é tan intensa e ampla que chega mesmo a terxiversar conceptos, valores e proxectos. Faino sempre dun xeito inocente? Ou terá a finalidade perversa de orientar tendencias na multitude? Na España de Franco, o aproveitamento político dos resultados para adoutrinar os incautos seguidores non o inaugurou en 1950 o sonadísimo gol de Zarra contra a pérfida Inglaterra, inimigo ancestral, nin en 1964 o de Marcelino contra a selección da URSS, mais os exemplos repetíronse até a saciedade. Se imos á esencia, o feito de que un señor español conseguise pasar unha pelota entre uns paus defendidos por uns soviéticos, moi malvados, probaba algo contra as teses comunistas e favorecía as ideas franquistas nacional-sindicalistas? Pois xusto na mesma medida en que un encontro Celta-Deportivo chegue a probar que A Coruña é mellor que Vigo ou o oposto. Non hai outra cousa que unha pelota e uns madeiros. Nada obxectivo, nada práctico, nin sequera o máis mínimo valor representativo nin probatorio. Aínda que tantas persoas se obstinan en suxerir —que demostrar non poden— o contrario.

O feito de que un señor español conseguise pasar unha pelota entre uns paus defendidos por uns soviéticos, moi malvados, probaba algo contra as teses comunistas?

Ben próxima a nós no tempo, lembro unha honrada traballadora titulada e asalariada, enfrontada ao Mundial de Fútbol de 2010 en Sudáfrica e plenamente consciente de todo o que nos está a caer enriba, paro, despexos de vivendas, redución de salarios, retallos na sanidade e na educación. O seu comentario:

--Temos que gañar o Mundial: coa que nos está caendo ben que o merecemos.

A pobriña consideraba que meteren a pelotita suficientes veces entre os paus compensaría, mesmo se for só un pouquiño, a baixa nos salarios, o desemprego, os retallos e desafiuzamentos?

Coa selección española xa vitoriosa no tal mundial, no verán seguinte, entraba na praza de Trafalgar un grupo de chavaliños, envolto un deles nunha grande bandeira española. Sen a menor dúbida viñera a London, capital do imperio pérfido, sempre rival e triunfador, para se mofar dos nativos e humillalos co triunfo de España. Boh, da selección española. Non sei se o conseguiría. Entre os británicos hai moito fanático do balompé que as súas propias elites institucionalizaran mediando o XIX, en pleno estoupido industrial e proletario —casualidade?—. Mais diso a sentírense humillados e ofendidos por unha pelotiña que pasara non sei cantas veces entre os madeiros...

Viñera a London, capital do imperio pérfido, sempre rival e triunfador, para se mofar dos nativos e humillalos co triunfo de España

Case vinte anos antes tamén en Londres, na pasaxe subterránea que sae de Greenwich, outra ruidosa comisión de rapazas e rapaciños ía cantando Indurain, Indurain, Indurain coa música, creo, do Barras e Estrelas —ulteriores usos futboleiros acrecentáronlle o verso que di hijos de puta; nesta ocasión, aínda non—. Indurain acababa de gañar por terceira vez o Tour de la France, e aquel numeroso grupo españoleaba reafirmando unha identidade racial que descansa no orgullo nacional, mesmo se ningún deles conseguiu nunca manterse estábel nunha bici. É a mesma filosofía que leva moitos a executar —nunca mellor dito— a famosa canción folclórica rusa Kalinka poñéndolle no refrán yo soy, español, español, español. Aí se fai cristalino o que se quere transmitir a todo canto estranxeiro o escoite: os cantores son da mesma raza/etnia que os grandes triunfadores en «épicas» fazañas deportivas e por iso merecen admiración, só por seren compatriotas de.

«POTENCIA DEPORTIVA»

Nacionalismo deportivo. Créase así a ficción de que España é unha potencia deportiva. Interesantísimo. Que potencias coñeciamos antes disto? Home, unha potencia económica ou industrial é quen de dobregar o poderío doutros estados, inflúe decisivamente nos prezos e nas arbitrariedades da oferta e da demanda, suponse que proporcionará emprego sobrado aos seus cidadáns... e non se constrúe á conta de individualidades xeniais, senón de conxuntos de institucións e empresas. Unha potencia militar xa se sabe, pode ameazar, extorsionar, disuadir porque é temida, e non o será en función de varias soldadas e soldados musculados ou dun único navío ou avión, senón en razón do número crecido de todos eles. E potencia cultural, quen é?: aquela que posúe tal forza e orixinalidade nas súas ideas e manifestacións que pode espallalas polo mundo, non para ser temida, senón admirada, estudada e emulada. Non é labor instantáneo dun número restrinxido de artistas e creadores, senón que se vai forxando ao longo dos decenios, séculos se cadra, a entrelazar xenialidades con tradición, sempre desde a creatividade orixinal de toda a súa sociedade ou, cando menos, de sectores significativos.

Mais á súa volta, iso da «potencia deportiva», que raio é? Individualidades que obteñen premios e vitorias nunha carreira, nun campionato, equipos —sempre pequenos grupos— que se subvencionan e priman para que gañen unha competición: e iso, para que vale? En verdade provoca a admiración fóra das fronteiras? Que progreso, evolución ao longo dos tempos comporta para que consiga achegar beneficios á nación-potencia? Non necesariamente económicos, senón sociais, industriais, mesmo culturais... Que España sexa unha «potencia deportiva» é aserto interesado, falaz e baleiro, só orientado a ocultar a incapacidade para ser potencia en ningún aspecto obxectivo. Isto é, capacidade para ser impotencia.

PROVEITO E CUSTO 

O presidente Rajoy encabezou a delegación española nos funerais de San Nelson Mandela en Sudáfrica e, chegado ao lugar onde ían celebrarse, confesou a impresión que infundía nel:

--Ah, emocionante: aquí, neste estadio, foi onde España gañou o Mundial.

Iso foi todo canto o acto inspiraba nese buen hombre e... en cantas persoas máis? Aliciente para o turismo. Ese aínda non se decatou de que nin España nin o Estado Español gañou o Mundial, foi apenas unha selección de once fulanos. Cantos máis proferirán o mesmo «xoga España»? A quen representa esa selección, e por que camiño os erixiron en representantes?: para introduciren a pelotita entre os paus tantas veces canto lles sexa posíbel. Máis nada. Dinme certas persoas, xustamente indignadas, que o fútbol é moito máis que iso. Que ten un valor simbólico. Crea cohesión de grupo. Adhesións de por vida. Si, todo iso crea. E ficticio todo. Ou estamos a falar de relixión? Porque os argumentos con que se quere favorecer teñen moitísimo de relixiosos, a comezarmos polo hábito de levaren os nenos á igrexa/estadio para infundir a afección neles... antes de que medren e pensen de seu, por si propios.

A ninguén debe impedírselle que goce da súa afección predilecta, do seu xogo. Se é o fútbol, devoción de tantísimos en Europa e na América do Sur —como o cristianismo, non no mundo enteiro—, que se sinta outra vez como cando era rapaz, que manteña a ilusión polos avances (?) do seu equipo. Ao mesmo tempo, é absolutamente imprescindíbel que teña conciencia clara de que o fútbol non serve absolutamente para nada. Nin nunca serviu. Non contén o menor pulo de evolución e progreso, non crea mellores persoas, con máis conciencia nin máis críticas, dialogantes ou autocríticas. Non produce bens sociais palpábeis nin espirituais ou de concepto. Ás veces provoca inimizades eternas. Crea ricos, si, mais só unha minoría escasísima que o Estado Español beneficia, ademais, con baixos impostos, e move cantidades inxentes de diñeiro, incluíndo as desvergonzadas, inmorais primas de traspaso entre equipos, estando, con todo, subvencionadísimo — como a igrexa. O peor de todo é que esas subvencións non se queren ver. Que o estadio-sé dun club sexa municipal, con custe cero para ese equipo, é subsidio descomunal e descarado. Que o estado subvencione a opulenta Federación, tamén. E que se teñan miramentos coas faltas de pagamento dos clubs —sociedades anónimas— á Facenda e á Seguridade Social é outra subvención a maiores e nova proba de que a Facenda non somos todos...

UNS VÍDEOS

Resulta que ningunha das manifestacións deportivas mantivo o seu eventual éxito de xeito espontáneo, natural nin desinteresado: fíxoo porque convén ao poder. O tan repetido Rajoy considérao compoñente esencial da chamada Marca España, mentres vídeos de México e Chile analizan o éxito do deporte español como produto dunha política deliberada (España, la máquina del deporte), e unha produción arxentina fálanos da utilizacion del deporte como una herramienta economica y politica a través da televisión.

O fútbol non serve absolutamente para nada. Nin nunca serviu. Non contén o menor pulo de evolución e progreso

Outros vídeos privados e caseiros non constitúen testemuña obxectiva nin son representativos, mais mostran con contundencia como a mensaxe político-patriótica chegou a impregnar os seus autores. Hai un grupo deles baixo o nome «Soy español, a qué quieres que te gane?» (por exemplo). Pregúntome se quen puxo título tan desafiante contaría con respostas do xénero * gáñanos a acoller inmigrantes, * a renda per cápita, * a produción de motores ou * a investigación científica. Ou se o reto só quería orientarse á competición individual, * gáñame a cálculo mental, * a países visitados ou, con éxito máis previsíbel, * gáñame a contas en Suíza, anda, atrévete.

O colmo do delirio está na frase que pecha o vídeo Deporte español: Cuando fuimos los mejores: "Gracias, Dios, por ser español". Aí queda iso.

    

Comentarios