Opinión

Sobre Pancho Pillado

con Noli, Helena e AnaFALAR de Pancho en pretérito... Non o creo.

Non tiñan por que ser exactas as súas opinións, mais sempre as fixo fundamentadas, firmes, lúcidas. Indignadas, só cando tiñan que selo.

Logo de varios intentos souben que nunca discutiriamos. Baixo ningún pretexto. Por motivo ningún. Todo o que temía que puidese molestalo abrazábao el con plena xenerosidade. O meu mellor amigo. Camiñabamos xuntos por Oleiros, por Fontán, vento mareiro na popa.

Como non procuraba máis que a xustiza e a verdade, ningunha opción arbitraria se libraba, por progresista e revolucionaria que parecese, se non viña solidamente amarrada ao xusto, ao humano, ao amor por Galiza.

Xeneroso en todo e para todos, mesmo co manicurto e co ingrato. Todo o que se achegaba a Pancho sabía até que extremo contaría con el. Con toda a elegancia. Ningún fascista o fixo. Se viña o caso, a súa indignación limpaba de tendeiros o templo.

O abano dos seus amigos... só intoleraba os intolerantes, que só para eles non había cuartel. Ao resto da Humanidade só nos gardou palabras cálidas, brazos abertos, corazón enteiro. Insondabelmente fiel para os amigos, aos que nos defendía a rachar. Igual con todos, tan incontábeis, Manuel María, Alfonso Gallego, Mozart, Roxelio, Luísa Villalta, que xa non están... tamén co amigo traidor. Disposto a depositar a súa fe sobre aquel en quen non cre ninguén.

O Maior, Pancho Pillado Maior, quixo coñecer a Reimundo Mundo Patiño. Admiraba a fidelidade eterna de Patiño para o amigo morto, Xohán Casal. Iso quixo ser el para o Patiño. Que dous xigantes! Xuntos! Compartían con Castelao un raro don, que é unha pesada cruz, unha sensibilidade social desbordada cando descobren os que padecen o peso da Historia, da inxustiza. Quedaban así condenados de por vida á eterna angustia, na impotencia de obter ese mellor mundo non tan utópico.

Seguimos camiñando por Fontán porque Pancho nos leva a voar dentro do vento mareiro.

Despois a vida, ocasional proxeneta infame, foille cortando as estachas... Dor fronte toda aquela lucidez que ninguén podía conter nin asolagar na mentira. Mágoa perante aquela mente selecta que só permitía defender o xusto.

Non. Definitivamente non falarei de Pancho Pillado en pasado. Non se pode. Nin debemos nin o merece.

Nacho Taibo, 13 de agosto de 2021

Comentarios