Opinión

O meu ídolo literario

É sorprendente. O meu máximo ídolo literario éo pola literatura galega e portuguesa. E acontece que nunca xamais escribiu unha senlleira liña en portugués nin galego –que alguén se deleita en chamar português da Galiza–. De fixo sabía onde está Portugal mais, como os sobreditos, quizá non soubese distinguilo da Galiza, e seguramente nunca visitou ningunha das dúas.

Así e todo, mantéñoo como o meu ídolo supremo no coñecemento e na preservación da nosa literatura común á Galiza e a Portugal.


É moi prosaico simplificar en números, mais eu, evitalo non podo, son prosaico. Os nosos autores medievais limitaríanse a cinco: Afonso rei (420 cantigas atribuídas, todas con música salvo seis), o Martín Codax (sete), Vasco Martins de Resende con Afonso Sanchez (unha) e –só desde 1990– Dinís rei de Portugal (sete). O Cancioneiro da Ajuda achega 310 cantigas máis, sen un só nome de autor, de xeito que se recoñecería como propiamente portugués, dificilmente galego-portugués.

Pois grazas ao meu ídolo, a ese que estou a loar, o elenco dos nosos autores de nome coñecido supera os 155, as cantigas ascenden a 2.100, somos capaces de clasificalas con absoluta transparencia entre as de amigo, amor, escarño, maldicer, marianas –con perdón da vosa cara– e algunhas outras, e mesmo dispoñemos dun relatorio de técnicas, modos e tipoloxía, que no seu tempo explicou o que querían facer e como o acadaban. 


Houbo unha vez un códice enorme –el non serían varios?– que reunía a produción daqueles 155 e tantos. Pois ese enorme códice desapareceu. Hai quen pensa que foi no Sacco di Roma en 1527. O meu ídolo chamáballe "il libro dei Portoghesi".

O meu heroe amaba a beleza. De calquera tipo. E todo o antigo que fose fermoso. Tal vez non creador, mais era un renacentista perfecto


O meu heroe amaba a beleza. De calquera tipo. E todo o antigo que fose fermoso. Tal vez non creador, mais era un renacentista perfecto. Que estaba forrado, recheo de cartos. Mandou copiar o tal Libro dei Portoghesi. Por culpa de a máquina fotocopiadora non estar aínda inventada, a encarga levaba moito tempo e custaba unha boa pasta. Mais el quería, podía e sabía. Dúas foron as copias que encargou. A grande ocupou a seis copistas. A outra era reducida: pode que a encomendase por se lle valía para intercambiala con algún colega coleccionista por vir. 


Infelizmente, a multidisciplinariedade renacentista do meu ídolo excluía a música: non lle interesaba ou, de interesar, sairíalle cara de máis copiala tamén. Por iso, mentres no suposto Libro dei Portoghesi terían partitura todas as 1.680 cantigas –por iso se chamaban cantigas, non dizeres--, as copias que encomendou só reproducían as letras, nunca os pentagramas (só nos chegou a música orixinal de trece, e fíxoo por outros camiños...)
O orixinal esfumouse. As dúas copias –se cadra totalizadora e fidedigna a unha, resumida a outra– ficaron pola península itálica até que no século XIX repararon nelas, por 1875 e 1840, respectivamente, e comezaron a darlles importancia. A grande está hoxe en Lisboa e coñécese como Cancioneiro da Biblioteca Nacional (antes Colocci-Brancuti). En Roma, no mini-estado papal, permanece o reducido, denominado Cancioneiro da (Biblioteca) Vaticana


Así que, morto o orixinal, todo canto temos deses 155 e tantos poetas nosos, que van desde antes de 1200 a 1350, debémosllelo a dous manuscritos romanos, que datan de 1525 ou 26. E debémolos ao individuo que os encomendou, financiou e conservou, Àngelo Colocci. O meu ídolo.

Todo canto temos deses 155 e tantos poetas nosos, que van desde antes de 1200 a 1350, debémosllelo a dous manuscritos romanos


Para o meu gusto persoal, un tipo pouco recomendábel: especulador inmobiliario grazas á información privilexiada e aos cumpridos ingresos que conseguía como membro destacadísimo da burocracia papista, traficante de influencias, práctico no nepotismo, trepador inmisericorde e probábel intrigante... mais coa mesma, preservador único da nosa literatura, galego-portuguesa, aínda que para o futuro tamén salvou do esquecemento a poesía da corte siciliana do século XIII.


Àngelo Colocci. Entre Galiza, Portugal e o Brasil non hai un só instituto, liceu, escola de ensino que se xacte do seu nome. Todas, todos os profesores e profesoras de literatura obríganse a mencionalo na nosa Idade Media común. Si, a do Brasil tamén, aínda que acontecese moi lonxe del, cando aínda se chamaba Pindorama.


Àngelo Colocci. Nunca o esquezades, por favor: non o merece.

 
 

Comentarios