Opinión

Villepin

O ex primeiro ministro francés é unha figura pública notoria, tan controvertida como interesante. A biografía e traxectorias intelectual e diplomática son dignas de consideración. Seguramente ser fillo de embaixador e nacer no protectorado francés de Marrocos marcou a orientación da carreira e explica parcialmente algúns dos posicionamentos e reflexións expresadas na súa obra como escritor, así como por medio de entrevistas e conferencias.

A experiencia política foi dilatada aínda que nunca ocupou un cargo por elección popular; sempre vencellada ao neogaullismo dereitista e, concretamente, a Jacques Chirac. Todo o mundo recorda o seu brillante discurso -en febreiro de 2003, no Consello de Seguridade da ONU contra a invasión ilegal de Iraq- defendendo o espírito fundacional da Carta das Nacións Unidas, explicando as vías alternativas ao belicismo estadounidense baseado en mentiras e o papel de Francia e Europa como espazos autónomos que actuarían como “gardiáns dunha consciencia” defensora duns determinados “ideais” logo da fin da Segunda Guerra Mundial. O tempo déralle a razón ás advertencias. 

No contexto da policrise e convulsións internacionais presentes manifesta aseveracións de notable importancia, precisamente polo feito de expresalas alguén con pedigrí: fala dos perigos da escalada militarista e da irracionalidade das tendencias que pretenden resolver con esa receita problemas complexos e con tantas ramificacións, como o xa atávico en Oriente Medio. Para el existe a “trampa do occidentalismo”, esa idea errada predominante -nas elites- de seguir manexando os asuntos mundiais como fixeron nos últimos cinco séculos e que leva ao illamento autoimposto. Lígao co que cualifica como “trampa do moralismo” -desprezable soberbia e dobre raseiro denunciados no resto de continentes- exemplificado cando aludimos á cuestión ruso-ucraína ou á problemática palestino-israelí. Carecemos acó de voces reflexivas e ilustradas do conservadorismo. Unicamente soan Tellados.

Comentarios