Opinión

Vento do leste

Á cerna dos poderes fácticos convenlle debuxar un futuro co PP ou o PSOE fortes para finiquitar o déficit de consenso que lastrou o sistema político español na última década, completando así a "III Restauración borbónica". Toleraría un pacto ultra mais non avoga por reeditar entendementos con "forzas alleas aos intereses de Estado". O arriscado adianto electoral presentará a convocatoria como unha loita fraticida do bipartidismo a obxecto de relanzalo pero o posible efecto bandwagon (arrastre) derivado das municipais troca factible a maioría das dereitas exaltadas e vociferantes do ¡A por ellos!

Que poderiamos agardar de tal escenario funesto? Ollemos a peste estendida polo leste continental. Por exemplo, o espello da democracia autoritaria instaurada en Polonia, que hoxe é a avanzada máis belicista dunha UE intervida pola OTAN: desmontaxe de garantías consontes co Estado de dereito e coa (xa cuestionada) independencia do poder xudicial, ataque normativo aos dereitos das consideradas "minorías" migrantes, comunidade LGTBI ou daqueles consolidados polas mulleres (axenda antiabortista) e fin das políticas de igualdade; leis ad hoc para restrinxir a participación opositora, ausencia de políticas orientadas á contención dos efectos das mudanzas climáticas, reforzo autocrático das forzas policiais e endurecementos punitivos, intimidación do exercicio da liberdade de prensa ou (maior) militarismo e chauvinismo. 

E, a bo seguro, aqueloutras propias da especificidade española: corrupción impune, desprezo polas "linguas cooficiais" e o model d´escola catalana, rebrote da conflitividade laboral e nacional/ista (fixación con Euskal Herria), un furibundo ataque económico neoliberal e de clase (modelo Ayuso/Feijóo) ou a privatización de servizos públicos esenciais e a laminación do precario "Estado de benestar". Derrogación da Lei de Memoria Democrática. Á fin: sufrimento amnésico, católica disciplina e a lembranza do aznarato como un oasis de centrismo e moderación.