Opinión

Tolemia

Van dous anos desde que se produciu a intervención militar directa rusa nun xa longo conflito ucraíno que, na súa forma cruenta, comezara alá por 2014 co golpe de Estado e as súas consecuencias en Crimea e o Donbass. A ex república soviética é hoxe un estado dependente e falido: millóns de ucraínos occidentais e orientais refúxianse en estados de Europa Occidental e na Federación; as baixas no seu exército son catastróficas e a viabilidade económica e militar só se sostén cunha gravosa asistencia que lastra as economías europeas. As sancións non tiveron ningún efecto "agardado" e evidenciaron a fortaleza da gran potencia euro-asiática, que se achegou á República Popular China. Rusia avanza en todas as liñas da fronte de guerra logo da fracasada "contra-ofensiva". Nestas circunstancias soubemos, por medio do diario The New York Times, algo que en realidade era xa coñecido: a CIA creou ata 12 bases que formaron á intelixencia ucraína na última década, onde tamén prestaron adestramento encuberto a grupos paramilitares neonazis que integraron as súas forzas armadas co estalido a grande escala.

Os obxectivos dos EUA pivotaban sobre tres eixos: algúns xeopolíticos coa intención de debilitar Rusia e rachar o vencello da UE con Moscova elevando a tensión con China. Outros, económicos: facerse co mercado do gas en Europa e reactivar a demanda de dólares. E outros, corporativistas: favorecer os lobbies que dominan a súa política nacional como o complexo militar-industrial mailos grandes fondos de investimento con interese depredador nos recursos de Ucraína. Conseguíronse parcialmente. Os "líderes europeos" –executores do plan estadounidense– contemplan subir a aposta coa posibilidade de implicarse máis con tropas da OTAN. Jean-Luc Mélenchon, na mellor tradición do socialismo francés (Jaurés), advirte a Macron: "Enviar tropas convértenos en belixerantes. A guerra aberta con Rusia é unha tolemia. Xa é hora de negociar a paz con garantías de seguridade mutuas".

Comentarios