Opinión

Seguridade 360º

O Cumio da OTAN de xuño de 2022 re-actualizou o concepto estratéxico da alianza atlantista establecendo, na práctica, un réxime de guerra global con prioridade na fronte oriental e prolongación na aceda competición con China e outras "zonas de interese" como Oriente Medio, Norte de África e o Sahel, cunha declarada "visión 360º da seguridade": inaugurou unha guerra híbrida practicamente sen fronteiras, aínda que os principais puntos quentes os atopemos fisicamente localizados agora en Gaza e Ucraína.

Nese contexto o blogger e xornalista ucraíno Anatoli Sharii –disidente do réxime do Maidán residente en Tarragona– denunciou días atrás un frustrado intento de asasinato na súa contra con armas automáticas. Tamén a pasividade das forzas de seguridade e autoridades españolas para protexer a súa vida –e a da súa familia– e o escaso interese existente en deter as persoas que o ameazan reiteradamente, sobre as que expuxo á luz datos. En outubro do 2023 a súa vivenda foi tamén atacada con cócteles molotov, implicando directamente os servizos segredos no exterior de Zelenski. En febreiro, pistoleiros vencellados ao FSB ruso asasinaron en Alacant o militar Maxim Kuzmínov, desertor que cruzara cun helicóptero de combate Mi8 á beira occidental.

Semella evidente que os servizos dunha e doutra parte operan con certa impunidade nun Reino de España implicado "indirectamente" no conflito. Ten este unha longa tradición de acollida de elementos e xerarcas das ditaduras latinoamericanas ou do nazismo alemán, que viviron placidamente no Estado español unha vez rematada a II Guerra Mundial. Mesmo de figuras absolutamente sinistras como a do líder colaboracionista ustacha Ante Pavelic –quen "horrorizara" até os propios nazis polos abominables métodos de tortura e xenocidio en Croacia–, soterrado no Cemiterio Sacramental de San Isidro de Madrid. Cando todo isto remate, seguirán coa "tradición de acollida"? Que riscos presentará para a seguridade pública? Fagan apostas.

Comentarios