Opinión

'Proxys' no Esequibo?

Podería o territorio da Guayana Esequiba converterse noutro frente de disputa entre a visión unipolar pro-estadounidense e a aspiración multipolar nesta crise da orde mundial das últimas décadas? O choque no seo da civilización rusa entre atlantistas –actual réxime ucraíno– e a Federación –maila desta co bloque occidental– acelerou unha serie de mudanzas tectónicas nunhas relacións internacionais prefiguradas arredor da tensión entre dous espazos relativamente definidos, aínda que non polo seu aspecto ideolóxico: uns estados orientados polas potencias anglosaxoas e as "economías emerxentes" capitaneadas pola República Popular China e Rusia.

As rebelións anticoloniais dalgúns estados da Françafrique (Burkina Faso, Mali, Níxer...) ou o endurecemento da ocupación e xenocidio palestino relaciónanse coa dialéctica de empoderamento pro e antiimperialista, o militarismo e a pelexa declarada polo control duns recursos escasos nun horizonte de severas turbulencias climáticas. Outro potencial frente en Asia-Pacífico (Corea, Filipinas, Taiwán...) agardaría entre bastidores.

Bauxita, ouro, diamantes, masa forestal e reservas de petróleo, uranio e gas natural compoñen o groso das riquezas dun territorio reclamado pola actual República Bolivariana de Venezuela e a República de Guayana desde hai décadas. Nos pasados días aconteceron feitos consumados (referendo popular favorable á creación dun novo estado e rexión militar dependente de Caracas) para a súa incorporación efectiva. A controversia territorial –de carácter colonial– data do século XIX e, na etapa moderna, atopábase semi-conxelada desde os Acordos de Xenebra de 1966. A compañía Exxon Mobil descubriu en 2015 importantes xacementos petrolíferos en augas da súa zona económica exclusiva. Colombia e Brasil median, e comprenden a lectura venezolana. Os EUA "protexerían a Guayana": a xefa do Comando Sur Laura Richardson declaraba recentemente que "é hora de pasar á acción" na rexión. Triunfará a diplomacia?

Comentarios