Opinión

Perspectiva

A parte dos que compoñemos as clases subalternas do país e acreditamos en que é posible desenvolver outro xeito de facer as cousas desde as institucións "desilusionáronnos" os resultados do domingo. Mais non por iso cómpre o desánimo xa que, aínda que o neoliberalismo provinciano e a pesada lousa do Partido Popular galego continúen xestionando a secular Galiza minguante outros catro anos máis cun 47% de apoios, maniféstase unha similar porcentaxe que non o fai: isto significa que, contra vento e marea, contra todas as ferramentas das que dispón o partido-institución e contra un aparello de propaganda e de poder de raizame semi-feudal e prácticas caciquís, hai moita poboación que resiste expresándoo co voto a pesar de todo.

Tamén existe unha organización que naceu das de abaixo e hoxe é unha das forzas soberanistas de esquerdas con mellor saúde do Estado e de Europa Occidental, fundada no 1982; que naceu coa herdanza da loita anti-franquista e percorreu moitos anos do pos-franquismo obtendo só tres, un ou cinco representantes até alcanzar os trece. Logo saltou a dezaoito e a dezasete para  entrar nun goberno de coalición como forza subalterna con trece. Despois de experimentar varias escisións, no remuíño da emerxencia dunha aguda crise de réxime, descendeu en apoios a sete ao tempo que outras opcións nacionalistas se expresaban a través de formulacións diversas alcanzando nove (AGE) e ata catorce (En Marea) nunha dura travesía que, se algo positivo concluíu, foi que serviu para extraer aprendizaxes colectivas.

No 2020 o BNG conquistou 19 escanos –rachando o teito histórico– e o pasado 18-F resgouno novamente disparándose até os 25. Quen pode asegurar agora que con esforzos colectivos, traballo e mesmo novos altibaixos polo camiño, será imposible un futuro sen teitos que lidere algún día o país para transformalo desde o goberno? Hai unha tarefa común inacabada, en permanente construción, e un combate de décadas e de xeracións. Unha nación incesante.

Comentarios