Opinión

Mes de Milei

Cumpríronse os primeiros trinta días de Javier Milei na Casa Rosada ao lombo dunha ensamblada operación de márketing político sostida na demagoxia e uso eficaz dos medios tradicionais –prensa escrita e televisión– e ferramentas dixitais. Saltan á vista algúns dos poderes externos e intereses transnacionais que están detrás da creación do fenómeno e das súas implicacións no contexto latinoamericano: Washington e Tel Aviv, directamente. E non tardou en asistir puntualmente á cita cos seus valedores. No ámbito interno, integrando no goberno a casta política á que denigrara durante a campaña electoral; no externo, mesmo converténdose ao xudaísmo e axitando a bandeira israelí no medio da abominable limpeza étnica en curso en Palestina.

Aliados prioritarios definidos á vez que declaraba como "inimigos" os gobernos populares da rexión ou as potencias (euro)asiática/s rusa e chinesa. Principais resultados coñecidos: conta cun 55% de desaprobación entre a opinión pública produto dunha batería de medidas de shock, radicais, orientadas a esgazar o carácter social do Estado maila razón última da res pública nunha sociedade. Desvalorización monetaria salvaxe. Dificultade para lograr financiamento nos mercados. Inflación desbocada nos bens de primeira necesidade e afundimento do aforro. Nepotismo. Incipientes protestas sociais que serán reprimidas salvaxemente. Renovación da cúpula militar.

Un "todo" ou "nada" e unha aposta que arrastra o país a un clima de tensión mentres desenvolve a pedagoxía da crueldade. Na alocución final do ano –toda unha obra de arte oratoria do cinismo e a desesperanza– prometeu "mudar as políticas colectivistas dos últimos cen anos" para un hipotético futuro "rexurdimento da patria" dentro de catro décadas: cando as ras críen pelo. De non facelo, dirixiríase a "unha crise de proporcións bíblicas" á que el mesmo a aboca. Promete fidelidade a Hayek e Von Mises: no intento, resucitará por abaixo o vello Karl Marx. Seguiremos o proceso con interese. 

Comentarios