Opinión

Hipotecas

Conta o ex correspondente Rafael Poch no seu recente Ucraína, a guerra que o cambia todo algo que hoxe é evidente, mais ao comezo da actual fase do macro-conflito non o era para a maioría da opinión pública internacional: son múltiples as dimensións e perigos que encerra o nó gordiano ao afectar a tantas cuestións internas dentro do propio (e fracasado) estado do leste, no seo do chamado espazo post-soviético e tamén no referido ás relacións xeopolíticas entre Occidente e a Federación de Rusia maila República Popular China, ademais de coas restantes "economías emerxentes". Máis alá do documentado percorrido histórico-político que o autor desentraña até a actualidade, e que desmonta a falsaria e interesada narrativa oficialista, destaca a veracidade na diagnose sobre o triste papel de vasalaxe que a propaganda mailo establishment da UE veñen executando contra intereses vitais dos cidadáns do común no último ano e medio.

Tal hipoteca estratéxica terá –salvo xiro copernicano– graves consecuencias xeracionais lixeiramente albiscadas. No seu libriño é especialmente contundente coa liña suicida desa "esquerda de dereitas" (neste asunto) representada no Estado español polo PSOE e tamén agora nun "artefacto Sumar" que traizoa décadas de pacifismo e oposición daquela IU nacente ao calor das protestas de 1986 contra a ferramenta político-militar do expansionismo ianqui (OTAN) e que agora caeu rendida aos pés da súa disciplina imperialista, trocando partidaria do envío sen fin de armamento e diñeiro subtraído do peto dos asalariados a un réxime inviable. O autor convídaos a baterse primeiro, chegado o caso, contra a inmensidade de forzas rusas (inspirándose nas palabras insurrectas do polifacético francés Boris Vian: "Se hai que dar o sangue pola patria dea vostede o seu, Señor Presidente!") antes ca facilitar o paulatino arrastre do conxunto das poboacións continentais a unha hecatombe polo interese confrontativo e ansias de dominación global das elites anglosaxonas.