Opinión

Heartland

Esta teoría, tamén coñecida como "teoría da rexión cardinal" ou "teoría do corazón continental", foi desenvolvida a comezos do século XX (1904) polo xeógrafo e político inglés John Mackinder. Para o autor a superficie terrestre pode subdividirse en tres espazos de interese relevante: unha "illa-mundial" que comprende os continentes de Europa, Asia e África, sendo a máis poboada e rica en recursos do planeta; o "crecente interior", no que inclúe as illas británicas e as do Xapón, e as terras do "crecente exterior" formadas polos continentes de América e de Oceanía. A "área pivote" atoparíase no interior da illa-mundial, estendéndose aproximadamente desde o río Volga (Rusia) ata o Yangtzé (China) e desde o Himalaia ata o océano Ártico. Para el, quen goberne a Europa do Leste dominará o heartland e quen o faga dominará a illa-mundial, o que, á súa vez, significará que "controlará o mundo". Nese sentido foi unha área xeográfica chave batallada por distintas potencias nos últimos séculos (Imperio ruso, Alemaña nazi, URSS…) e hoxe disputada pola Federación de Rusia e a OTAN como se fai patente na malograda Ucraína.

A súa particularidade é que nunca puido verificarse por completo, precisamente pola condición de ser unha rexión en permanente competencia e re-equilibrio. Fora o politólogo e conselleiro de Seguridade Nacional estadounidense –nado en Polonia– Zbigniew Brzezinski, quen no seu O gran taboleiro mundial (1997) re-actualizou algunha destas teses estratéxicas, presupoñendo que o mantemento da condición dos EUA como primeira superpotencia dependía "do xogo" referido anteriormente, temendo que a consideración da República Popular China como "unha ameaza" trocase nunha profecía auto-cumprida que a empurrase a unha forte alianza con Rusia e á posible perda de influencia norteamericana tamén en Europa Occidental. Se estas circunstancias se producisen, a supremacía político-económica e cultural estadounidense atoparíase seriamente comprometida cara ao século XXI.

Comentarios