Opinión

Experimentos

Diciamos a semana pasada nestas liñas que Arxentina e Gaza funcionan, con métodos diversos, como laboratorios dun proxecto das clases dominantes occidentais neste século. Hai algo que as conecta tamén coa situación preparada en Ucraína desde o golpe de estado do 2014. En común teñen os tres escenarios ser produto do turbo-capitalismo na súa versión demenciada e sostida no fascio-sionismo militarizado; fascinan por conxunto a sectores sociais radicalizados ou aqueles que son vítima das vellas e novas técnicas de manipulación de masas: un porque sublima o desexo atávico imperialista da destrución e espolio de Rusia mediante a guerra industrial de desgaste; outro porque evidencia a impunidade total e des-respecto absoluto polas normas internacionais, o multilateralismo e toda convención mínima que recorda as políticas de exterminio racista do nazismo alemán; outro porque anceia suprimir o Estado e o seu papel como igualador social e garante re-distributivo en favor do Capital interno e foráneo, comprometendo liberdades e dereitos fundamentais. 

Os tres experimentos redúcense a un premeditado furtado da soberanía e dignidade dos pobos: no caso arxentino mediante un golpe de mercado que pon en perigo a viabilidade da República; no ucraíno por un longo e lento proceso destrutivo e de asalto dos grandes fondos de investimento co obxectivo final de integrar á ex-república soviética no espazo institucional UE-OTAN; e no palestino ata coa limpeza étnica e a súa eliminación física directa.

Tamén como símbolo internacional da resistencia daqueles a ser varridos do mapa. Sirva como anécdota -no referido á Arxentina- a chamada telefónica entre o paradigmático referente tecno-feudal Elon Musk e o flamante presidente anarcoliberal, desvelada polo segundo: interesado polas reservas do litio de Jujuy acordaron conversar fondamente sobre a materia mentres Milei asinaba a renuncia a formar parte do clube político-económico BRICS+, ampliado en aninovo con cinco novos membros.

Comentarios