Opinión

Derrota occidental

A case dous anos do estalido da actual fase do multi-conflito no Leste –que podería remontarse, como pouco, á propia independencia ucraína, mais emerxe traxicamente co golpe de Estado e guerra do Donbass no 2014 para, seguidamente, implicar a UE/OTAN desde febreiro do 2022– hai algunhas cuestións que foron clarificándose: o primeiro é que a OTAN non estaba preparada para soster o ritmo dunha guerra industrial de alta intensidade por estar acostumada a desenvolver "guerras de insurxencia" ou contra exércitos menores. Disto derívase que, se pretende manter a estratexia bélica no teatro de operacións, tería que redobrar os recursos destinados: o cal implica un regreso ao servizo militar obrigatorio, incremento dos gastos militares e preparar as mentalidades cidadás para os sacrificios económicos e humanos que a guerra esixe. Non é descartable: voceiros gobernamentais e da propia organización supranacional xa o verbalizan explicitamente. 

Outra consecuencia é que Ucraína atópase en vías de conversión nun estado-falido incapaz de manterse como tal na súa integridade. Tamén, que os grandes fondos de investimento e capital occidental controlan actualmente a meirande parte daquel territorio e que a Federación de Rusia sae fortalecida a pesar das "sancións", nun regreso como superpotencia ao escenario internacional despois da "travesía polo deserto" tras a fin da Guerra Fría.

Pero a máis preocupante –e que máis afecta aos pobos europeos– é o afundimento político-económico e industrial xermano, que ademais vén acompañado dun auxe neofascista no continente: no intento de "europeizar Ucraína" a vía queda expedita para a "ucrainización de Europa". Masivas manifestacións en Alemaña poñen o foco de denuncia no crecemento extremista, alimentado por unha socialdemocracia-verde-liberal submisa aos intereses de Washington que abraza teses e praxe xenófobas e lexitima a limpeza étnica de cariz xenocida cometida por Israel. A derrota política e moral occidental é un feito.

Comentarios