Opinión

A lingua como un recurso económico para a diáspora

"Xa non hai ouro nas Médulas, levámolo dentro de Nós".

O grande erro histórico de España é identificar a lingua castelá co español: o español é a única lingua tetradimensional do planeta, composta a partes iguais por castelán, éuscaro, galego e catalán. É tarefa de todas e todos propiciar o encontro das catro culturas en todo o Estado baixo un paraugas dun Plan educativo común que comprenda o estudo dos catro idiomas nas 17 CCAA.

O castelán representa hoxe o 16% do valor económico do PIB español. Para calibrar axeitadamente as vantaxes económicas dun plurilingüismo real, cabería avaliar canto diñeiro (que porcentaxe do PIB español) representan o galego, catalán, éuscaro e castelán, e comparalos co que poderían representar de existir un só Artigo 3 que definise expresamente o español como unha lingua tetradimensional composta dun 25% de galego, un 25% de éuscaro, un 25% de catalán e un 25% de castelán. A proxección disto en termos económicos permitiría coñecer en que beneficiaría a xuventude española darlle prioridade por lei aos catro idiomas fronte ao inglés, francés, etc. Tamén se podería prever en que porcentaxe da poboación se reduciría a emigración, así como cantos postos de traballo se poderían crear.

Nunha España cunha lingua española tetradimensional e un currículo estatal acorde, todas as persoas españolas deberían escoller con carácter obrigatorio desde a educación primaria unha lingua española "non materna" xunto coa lingua de nacemento. Sendo, por exemplo, andaluzas, cántabras ou canarias, poderían optar libremente entre galego, éuscaro ou catalán (ademais do castelán) e terían a obriga constitucional de dominar un mínimo de dous idiomas estatais (isto é, un 50% do español tetradimensional), seguindo un plan de estudos bilingüe desde primaria ata a licenciatura universitaria.

Unha vez reformado o Artigo 3 da Constitución enfrontariamos un período transitorio duns 15-20 anos ata formar a primeira xeración de españois "como mínimo bilingüistas" co novo currículo educativo. Despois desta "transitoriedade cultural" poderíase traballar nos catro idiomas en todo o Estado, o que permitiría incrementar significativamente a porcentaxe da xeración de riqueza debida ao valor económico do PIB nunha España tetralingüista. Sería entón cando lograriamos comezar xa a falar dunha economía con catro niveis produtivo-lingüísticos en todo o Estado e da extinción das 17 presións fiscais actuais, isto é, das CCAA.

Os produtos xerados nos catro territorios comercializaríanse por lei na súa lingua de orixe en todo o Estado, é dicir, estaríaselle a dar traballo á diáspora en todo o Estado. Se os produtos galegos son comercializados e vendidos en galego en toda España, non fai falla unha diáspora residente para xerar a necesidade dunha Administración que actúe en galego. As persoas estremeñas ou levantinas que estudaran galego, por exemplo, comercializarían eses produtos nas súas comunidades, e habería así catro niveis comerciais en toda España e catro linguas de traballo. Isto permitiría configurar España como unha pequena UE na que ninguén fala inglés e si os catro idiomas: un Mercado Común Español.
A ferramenta económica máis poderosa é a educación e un currículo estatal tetralingüista faría de España a maior potencia económica do planeta como o único estado con catro idiomas comúns dentro das súas fronteiras.

Ante o risco actual de desaparición do idioma galego hai sinais de esperanza: nas escolas de idiomas a xente de maior idade e xubilada optan por "algo exótico" unha vez dominan o inglés (gaélico ou xaponés, por exemplo). Isto é algo que a Galiza debe aprender a dominar, e loitar pola nosa cota nese mercado de idiomas: ofertar a lingua galega como algo que atraia o consumidor/a como segunda ou terceira lingua.

Moitas persoas de América Latina, especialmente en zonas fronteirizas, empregan unha mestura das linguas portuguesa e española que denominan como "portuñol". Pois ben, poderíase dicir que, en lugar dunha aberración coma esa, ben pagaría a pena aprender a fermosa lingua galega, que tería a mesma utilidade e moito máis valor engadido.

Para as persoas amantes da escritura, músicas, cinematógrafas, poetas… o galego é unha "lingua lírica" que facilita as rimas e embelece o imaxinario das lectoras e as "escoitadoras" de cancións, ou películas, con exemplos como as Cantigas de Afonso X O Sabio ou os fermosísimos poemas de Lorca, ademais doutras figuras que sen ser de fala galega optan polo galego pola súa sonoridade, pola fermosura lírica que outorga a un texto para ser lido ou a un audio para ser escoitado.

A demanda de aprender galego xerada mediante calquera estratexia de márketing lingüístico incidiría de xeito positivo nas posibilidades de emprego para as persoas da diáspora galega existente nese territorio. Poderíanse tamén beneficiar as orixinarias do mesmo que optaran polo noso idioma no novo currículo educativo desa España tetralingüe.

"Aprender un idioma é converterse noutra persoa".


* Estes artigos de opinión son froito da correspondencia que Miguel Losada Campa, membro do Instituto de RRPP de Irlanda e avogado, e Xabier Prado Orbán, profesor xubilado manteñen dende que se coñeceron en 2015 no marco dun proxecto Erasmus+ entre Irlanda e a Galiza promovido pola Fundación Antón Losada Diéguez. Máis información: www.sites.google.com/view/IrGal

Comentarios