Opinión

Igualdade lingüística e reciprocidade

"Nazón sementeira de Vida, Língua e Igualdade"

A Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos recoñece dereitos individuais (a ser recoñecido como membro dunha comunidade lingüística, ao uso público e privado dunha lingua) e dereitos colectivos (acceso aos servizos culturais, á presenza equitativa da lingua e a cultura nos medios).

A Carta Europea das Linguas de 1992 recoñece catro Idiomas dentro do Estado español: galego, catalán, castelán e éuscaro. Agás eses idiomas, en España soamente hai dialectos deses catro idiomas: balear, aranés, valenciano, bable, aragonés, andaluz, estremeño, canario, madrileño, murciano ...

A falta de definición no artigo 3.2 da Constitución Española, que fala de "las demás lenguas" sen nomear cales son realmente as catro linguas recoñecidas polos tratados internacionais que conforman a lingua española tetradimensional, permitiu a degradación do galego, catalán e éuscaro, e a súa asimilación aos citados dialectos, xerando unha situación de franca ilegalidade e inconstitucionalidade como a cualificación xurídica de "lingua" que o Estatuto Valenciano fai do valenciano, que é un dialecto da lingua catalá, mentres que o Estatuto de Baleares recoñece "legal e constitucionalmente" que o balear é un dialecto da lingua catalá.

Finalmente, o "silencio administrativo vinculante e habilitante" do artigo 3.2 da Constitución permitiu a introdución de Andalucía no Estado Autonómico a través do artigo 151, a "vía rápida", é dicir, unha Nacionalidade Histórica ao nivel da Galiza, Euskadi e Cataluña... aínda que sen lingua propia. A maioría da España académica cre que foi precisamente aí, na falta de definición pensada para equiparar linguas e dialectos do artigo 3.2 da Constitución, onde España acabou converténdose nun "país de pandeireta".

A Carta dos Dereitos Humanos aplica aos 193 estados membros da ONU e recoñece o dereito a vivir e traballar na lingua materna de nacemento. Polo principio de Igualdade (artigo 14 da Constitución) todas as persoas españolas deberían ter acceso a unha educación e currículo estatal que permitise a aprendizaxe deses catro idiomas, o cal non é o caso.

Unha Xunta da Galiza decidida a facer valer os dereitos lingüísticos da cidadanía na diáspora aínda antes de se concretar este dereito constitucionalmente podería iniciar negociacións con outros gobernos autonómicos, no sentido de establecer unha reciprocidade de consenso.

Unha vez alcanzado un número "x" pactado de residentes galegas e galegos nun municipio ou CCAA, adquirirían o dereito colectivo a unha administración na súa Lingua. Sería competencia da Galiza e da CCAA receptora convocar oposicións en lingua galega nese territorio para cubrir os postos de traballo que esa diáspora considere necesaria para vivir e traballar en galego.

Galiza, Euskadi e Cataluña terían que acordar:

  1. Cantas persoas residentes da súa fala son consideradas suficientes para xerar a reciprocidade?

  2. Que servizos se prestarían nesa lingua?

  3. Como seleccionar e contratar ás persoas traballadoras que presten eses servizos nesa lingua?

Se a Galiza pode probar o beneficio económico e social que unha educación, comercio ou servizos na lingua de orixe pode ter para a economía da comunidade receptora, estes aceptarán a reciprocidade.

A Xunta podería asinar convenios con outras CCAA e financiar un corpo de profesorado de Lingua Galega nelas (cos orzamentos da Galiza) para que as fillas e os fillos da "primeira xeración diáspora" non perdan a lingua das súas nais ou dos seus pais, e ofertar un "Erasmus interior" entre ditas CCAA desde primaria ata o remate da carreira universitaria. Esta proposta sería aceptable para partidos de ámbito estatal, e sobre todo, as persoas contribuíntes-votantes galegas poderían entendela e aceptar financiala.

A modo de exemplo: unha vez activado un grupo diáspora galego en Murcia, se Murcia proporciona un número "x" de traballadores/as en lingua galega en Sanidade, Facenda e Educación, Murcia adquiriría o dereito a que un número similar de residentes murcianos na Galiza puideran optar a un mesmo número de postos de traballo neses ámbitos na Galiza. Isto faríase a través de oposicións onde non se lles exixise o coñecemento do galego nas oposicións nunha vacatio legis pactada polas dúas CCAA de dous ou tres anos de exercicio profesional na Galiza para o seu primeiro exame de galego.

"A Soberanía Cultural é a única que outorga un Pasaporte Universal".

*Estes artigos de opinión son froito da correspondencia que os autores manteñen dende que se coñeceron en 2015 no marco dun proxecto Erasmus+ entre Irlanda e a Galiza promovido pola Fundación Antón Losada Diéguez. Máis información en www.sites.google.com/view/IrGal

Comentarios