Opinión

O galego na diáspora: apartheid lingüístico

"A ver se vai resultar que vivimos nun Bantustán!"

Nunha entrevista en Onda Cero o pasado 2 de xuño, o Sr. Feijóo, como presidente do PP, subliñou, en referencia á política lingüística da Generalitat de Cataluña, que "o que hai é un apartheid lingüístico de nenas e nenos cataláns que non poden ter coñecementos de castelán nas aulas".

Remite así ao tratamento das linguas indíxenas africanas no réxime do Apartheid vixente na República Surafricana dende 1954 ata 1994 e plasmado na creación de 10 homelands (máis coñecidos como bantustáns) nos que se aloxou á poboación africana de acordo a criterios étnicos en territorios carentes de calquera viabilidade económica, obrigando aos seus habitantes a emigrar en busca de traballo perto das grandes urbes, onde carecían de todo tipo de dereitos, entre eles o de expresarse nas súas propias linguas.

A "Bantu Education Act" estableceu un sistema educativo no que as linguas africanas podían ser usadas unicamente no interior dos seus respectivos bantustáns, sempre en cooficialidade co inglés, que era a lingua común na totalidade da República. Así, en cada bantustán podíase falar a lingua indíxena, mais non fóra do mesmo, mantendo o inglés como oficial en todo o territorio do Estado.

Aplicar este concepto a Cataluña como país implicaría a existencia de zonas (suponse que os barrios con forte inmigración do resto do Estado) nas que residirían persoas falantes de castelán que verían restrinxidos os seus dereitos lingüísticos no conxunto do territorio. Mais isto non é así, xa que calquera cidadán pode dirixirse á Administración en castelán en calquera parte de Cataluña, e en todas as escolas garántese o coñecemento do castelán por parte do alumnado.

Porén, en España si que existe un réxime de apartheid lingüístico real, e animamos o Sr. Feijóo a manifestar publicamente a súa indignación co mesmo.

Trátase da discriminación lingüística que padecen a diario as comunidades galegas da diáspora, que non se poden dirixir á Administración na súa lingua nin recibir servizos na mesma no Estado español fóra do territorio da CCAA galega, que a efectos lingüísticos funciona como un Bantustán.

As comunidades galegas da "diáspora interior" ven así negados os seus dereitos lingüísticos no conxunto do Estado, dereitos que si son recoñecidos para as comunidades falantes de castelán, contradicindo o principio de Igualdade.

Calquera persoa africana que buscase traballo nas urbes (Pretoria, Johannesburgo) non podía usar alí a súa lingua, aínda que houbese millóns deles en suburbios como Soweto. Pois así acontece aquí coas comunidades cunha lingua propia diferente do castelán, e sobre todo coas galegas, debido á importancia relativa da emigración para o noso país. Coa chegada de Nelson Mandela ao poder isto mudou, e agora a Constitución da Unión Surafricana contempla medidas correctivas ao respecto, referidas a dereitos lingüísticos individuais e colectivos.

Capitulo 1 (Principios Fundamentais), Sección 6 (Linguas).

1. Establece 11 linguas cooficiais en toda a República: Inglés, Afrikaans e nove linguas africanas indíxenas. No Estado español, un mantra repetitivo di que contemplar catro linguas cooficiais levaría a unha situación incontrolable, e en Sudáfrica contémplanse máis do dobre!

2. O Estado debe levar a cabo medidas prácticas e positivas para elevar o status e avanzar o uso das linguas indíxenas (no Estado español, isto aplicaríase ás linguas historicamente relegadas e minorizadas).

3. (a) Os gobernos nacional e provinciais (equivalentes aos nosos estatal e autonómicos) deben usar como mínimo dúas linguas oficiais, tendo en conta o seu uso, viabilidade e as necesidades da poboación concernida. Isto non afectaría ás comunidades da Galeuska, mais si ao resto, que deberían usar outra lingua alén do castelán.

(b) A administración local debe ter en conta o uso e preferencias lingüísticas dos seus residentes (aplicado ao Estado español, implicaría un recoñecemento dos dereitos lingüísticos das comunidades da diáspora por parte dos concellos onde residan).

4. Sen detraerse do apartado 2, todas as linguas oficiais deben ser consideradas polas Administracións estatal e provinciais con equidade e igualdade de estima.

A Unión Surafricana leva desde entón avanzando no espiñento camiño do recoñecemento e promoción do uso de todas as linguas oficiais no seo do seu territorio, e cómpre botarmos unha ollada a esta realidade para aproveitar as experiencias de interese e reclamar a adopción de medidas semellantes que puidesen aportar avances na normalización e dignificación da nosa lingua ao longo de todo o territorio do estado.

"Cómpren moitos Mandelas para que a fala non teña cancelas"

* Estes artigos de opinión son froito da correspondencia que Miguel Losada Campa e Xabier Prado Orbán manteñen dende que se coñeceron en 2015 no marco dun proxecto Erasmus+ entre Irlanda e a Galiza promovido pola Fundación Antón Losada Diéguez. Máis información: www.sites.google.com/view/IrGal

Comentarios