Opinión

Diáspora e lusofonía, sinerxías e argumentarios

Propostas para mobilizar a diáspora e as forzas progresistas sensibles á igualdade e reciprocidade. “Cando soamente fique unha Lingua viva...”

P  mobilización para a confluencia das diásporas lusófonas pode ser levada a cabo en tres ámbitos. En primeiro lugar, por medio da protección mutua entre as diásporas lusófonas nos respectivos territorios. Implicaría a consideración tanto da emigración galega en países lusófonos como da emigración destes países no territorio galego, e requiriría o establecemento de convenios de reciprocidade entre as respectivas administracións.

En segundo lugar, por medio da confluencia da diáspora galega e dos restantes países lusófonos en terceiros países. As persoas lusófonas gozarían dunha atención especial nos centros galegos no exterior, e o mesmo acontecería coas persoas de orixe galega nas asociacións de emigrantes de países lusófonos. Á parte da posible implicación oficial a nivel de consulados ou embaixadas, requiriría dun espírito de cooperación mutua entre as comunidades concernidas.

En terceiro lugar, mediante a atención ás persoas lusófonas nos servizos ofertados ás comunidades galegas no territorio do Estado español. Para que esta medida fose eficaz, requiriría da consideración previa a nivel estatal dos dereitos colectivos das comunidades da diáspora galega a nivel do Estado, e que xa foi contemplada en achegas anteriores. No entanto, pódense fomentar actuacións testemuñais por parte de elementos da diáspora galega concienciados co vínculo lusófono. Estas actuacións poderían servir de exemplo ilustrativo da existencia e importancia da lusofonía para o pobo galego.

Para levar adiante calquera destas iniciativas, sería un requisito fundamental, por parte das comunidades galegas, ter acadado un nivel de intercomunicabilidade coa lingua portuguesa. Isto sería facilitado enormemente pola adopción de normativas reintegracionistas na propia lingua galega, quer a nivel xeral quer a nivel das comunidades implicadas, así como da implementación de estratexias para mellorar a comunicación das persoas galegas coas do resto da lusofonía.

Con respecto ás alianzas con forzas progresistas do resto do Estado, cómpre termos en conta argumentos coma os seguintes: o Sr. Feijóo, co pretexto da defensa dos dereitos lingüísticos do alumnado de familias falantes de castelán, chegou ao extremo de impedir o uso do galego para o ensino de materias científicas na Galiza. A diáspora galega non precisa propoñer medidas tan draconianas para defender os seus dereitos lingüísticos. Chegaría con garantir a presenza das linguas diferentes do castelán (tal vez contemplando tamén o caló e a lingua de signos) en todos os niveis da administración e en todo o territorio, o cal levaría aparellada a posibilidade de dirixirse á administración na súa lingua propia. Trátase dun dereito individual, interesante por igual para as persoas galegas, vascas e catalás.

Aparecería, con todo, a posibilidade adicional de que nas urbes cunha presenza significativa de residentes procedentes doutras comunidades lingüísticas fosen ofertados servizos (educación, sanidade, xustiza, cultura, medios de comunicación, etc) nesas linguas e con cargo aos respectivos orzamentos. Esta posibilidade sería especialmente interesante para as comunidades da emigración galega presentes nas grandes cidades do Estado.

De acordo coa visión imperante no nacionalismo na actualidade, a loita estaría no interior do país, non no exterior, e abrir agora esa fronte podería dispersar as forzas, sobre todo tendo en conta que estamos a falar dunha mudanza na sacrosanta Constitución. Mais pode ser que iso sexa un erro estratéxico.

Ao contrario que cataláns e vascos, gran parte do noso pobo reside fóra da Galiza, e a cousa pode avanzar mal se non o temos en conta dun xeito radical.

Poderíase aproveitar un argumento do españolismo madrileño, reflectido na seguinte xustificación dada pola Sra. Ayuso para propoñer a anulación da política lingüística da Generalitat catalá: "lo que pasa en Galicia o Cataluña me tiene que importar". Isto dá para moito, porque é exactamente o que nós estamos a dicir: o que lle pasa á diáspora, estea onde estea, tenlle que importar non só á Xunta, senón tamén ao Goberno central, aos 17 Gobernos rexionais e a toda persoa cunha mentalidade aberta e progresista.
" ...que sexa a Língua do Corazón".

Comentarios