Opinión

Vinganza do carbón e negacionismo do Goberno

Informa este xornal de que pode producirse a reactivación parcial da central térmica das Pontes que, como ben é sabido, produce enerxía eléctrica mediante a queima de carbón. Carbón que segundo se nos informa está a ser almacenado nas súas instalacións (non se di se as reservas están incluídas partidas do noso carbón nacional, o mítico lignito pardo galego). Esta técnica de produción de enerxía é unha das principais causas de emisión de CO2 a atmosfera e por tanto unha das principais causas do cambio climático causado polo home. Tamén é sabido que a principal causa da suba dos prezos da electricidade é causada polos altos prezos do gas natural, que necesita ser usado en grande escala debido ao baixo rendemento estes meses das fontes renovábeis. Con moita probabilidade os países produtores de gas aproveitan a conxuntura e quererán sacar partido ao seu gas antes de que este non sexa necesario. Se lles dicimos con certa displicencia que de momento imos comprarlles, pero que a curto prazo prescindiremos dos seus servizos e que non imos necesitar máis do seu contaminante produto, o normal é que nestes anos que lles quedan queiran sacar proveito del, dado que pronto non lles servirá de nada.

Se non sacan proveito económico, como os nosos fornecedores do norte de África, ben poden facelo a través de concesións políticas que seguro se lle están a facer ao Goberno ruso, para que este abra a man, como se di que está a piques de facer.

Pero o feito de que se considere esta posibilidade di moito da pouca consideración que os nosos gobernantes teñen do seu propio discurso sobre o cambio climático, constituíndo case unha negación do mesmo. Non é nada novo, pois a pesar de todos os cumios e tratados do clima, asinados por case todos os países, as emisións de gases como o CO2 a nivel global nunca deixaron de medrar, salvo os meses da pandemia, que se reduciron en pequena porcentaxe. Só se reduciron grazas ao esforzo dalgúns países occidentais, entre eles o noso, pero tal esforzo viuse ultrapasado polo incremento noutros países como China, que incrementaron as súas emisións para “compensar”.

Países que, por certo, non parecen amosar intención de cambio dado que non parecen querer renunciar ás súas enormes reservas de carbón de alta calidade. En calquera caso non parecen temer as consecuencias que din que o cambio climático vai ter. Son pois os primeiros “negacionistas” do mesmo, pola vía dos feitos.  Pero tamén entre os Gobernos da nosa Unión parece cundir o “negacionismo”, dado que Alemaña e Polonia incrementaron nos últimos meses seu consumo de carbón para usos de produción eléctrica, e no Estado español, de confirmarse, parece que seguen a mesma liña e van usalo para intentar baixar os prezos. Isto implica que non acreditan no seu propio discurso sobre a gravidade do problema e a urxencia de abordalo. Fai uns meses insistían en que non quedaba tempo e que as medidas tiñan que ser inmediatas. Agora parece que poden agardar á baixada do recibo da luz e que as consecuencias non importan moito. Non parece moi coherente todo isto e debería ser aclarado.

En vez dunha vinganza da terra parece unha represalia por parte do humilde carbón, que nos salvou do frío durante séculos, alimentou as nosas máquinas e caldeiras e evitou a deforestación dos nosos bosques ao non ser necesario o uso masivo da leña. E unha vez usado, pasou a ser desprezado e maldito e renegamos del. Pero esta noticia amosa en forma de xustiza poética que pode voltar a ser necesario e que sen el as nosas empresas e familias poderían afogar por mor dos elevados prezos da luz. Igual isto nos ensina algo de humildade e a non pretender facer a maior transición enerxética dos últimos séculos por decreto, algo nunca visto antes e moito menos sen pensar as consecuencias.

Comentarios