Opinión

Rural e urbano

Os vellos manuais de ciencia política que se usaban nos cursos introdutorios da carreira distinguían as principais divisorias políticas sobre as que se artellaban tradicionalmente partidos e movementos sociais. Unha delas era o de rural e urbano, e cando chegabamos a este último non lle prestabamos moita atención, pois parecía un debate de pouca relevancia no presente. No galeguismo tamén se deu ese debate, primeiro sobre a relevancia da propia distinción que, de forma case instintiva, a tiñamos de sempre, pero nunca lle vimos moito fundamento teórico ou, polo menos, o suficiente como para facer unha teoría social elaborada. Tampouco se lle prestaba atención ao tema cando estudabamos as vellas e cruentas disputas dentro do marxismo entre partidarios do campo e defensores do proletariado urbano. Fora debatida no seu momento, no ámbito do galeguismo, a proposta de Paz Andrade de contar cunha grande urbe galega fronte ás proclamas ruralistas de Risco e Pedraio. Mais a urbanización acelerada das últimas décadas parecía ter deitado no caldeiro do lixo da historia esta forma de confrontación e os nosos debates políticos discorrían arredor doutros temas.

Mais varios resultados electorais recentes, en especial nos EEUU esta última semana parecen tela resucitado. Primeiro foron as eleccións francesas, na que o populismo de dereitas da familia Le Pen conseguiu pasar sen gran problema á segunda volta das presidenciais. Ao mesmo tempo os electores británicos rexeitaron a permanencia na UE e varios países do leste, Hungría e Polonia especialmente, pero non só eles, votaron maioritariamente por forzas ultraconservadoras (no caso húngaro tamén votaron forzas como Jobbik, aínda máis á dereita) contrarias ao discurso globalizador. E nos EEUU acadou o Goberno un partido republicano inspirado por valores parecidos. En todos estes casos foi decisivo o forte apoio electoral que tiveron nas áreas rurais dos seus países, nas ditas zonas baleiradas. Os sectores supostamente máis atrasados e en declive do país foron quen de atopar alternativas fronte ao desleixo que por eles senten as zonas urbanas e globalizadas. A dialéctica campo/cidade foi determinante de novo na formación e consolidación de novas forzas e movementos políticos.

O sociólogo Christophe Guilluy publicou hai pouco un libro, No society, onde explica este fenómeno de rexurdir político do campo, ao igual que o xeógrafo Parag Khanna na súa Conectografía dá conta dos fenómenos complementarios da consolidación de grandes cidades desconectadas da súa contorna xeográfica e máis preocupadas por competir entre si que de atender os problemas da xente que as rodea a pouca distancia. Estas cidades teñen mellores comunicacións entres si que cos seus propios territorios (podería ser máis fácil e barato ir de Madrid a Londres que desde Madrid ao norte de León) e os seus fluxos comerciais son máis intensos ao tempo que o son menos coas súas “provincias”.

Guilluy incide nas consecuencias políticas cada vez máis evidentes deste fenómeno, pois as poboacións rurais resisten cada vez máis as pretensións de pensar e actuar como as elites urbanitas lles ordenan. Isto a pesar de que son os urbanitas quen controlan os grandes medios de comunicación e desprestixian as demandas rurais, con cualificativos despectivos. As eleccións dos USA amosan que, se ben as forzas urbanas triunfaron, fixérono con moito esforzo e amosan que a rebelión rural, xustificada ou non, ten aínda percorrido.

Comentarios