Opinión

Golpes de estado

A semana pasada informouse simultaneamente neste xornal de dúas tentativas de golpe de estado, unha delas en Alemaña e outra consumada e logo fracasada no Perú. Dado que existe dentro dos estudos da ciencia política unha disciplina que os estuda, a estasioloxía, e eu gosto moito dela, non resisto a comentalos dado que agora xa non se dan dunha forma tan aberta coma antes. Libros clásicos como os de Malaparte ou os máis recentes de Luttwak ou o Coronel Goodspeed son de utilidade para comprender o concepto. E non só é que non se fagan coma antes, e que tampouco se saben facer. O golpe de estado, tecnicamente falando, é a máis difícil e perigosa das manobras políticas e require de moia planificación, coordinación e capacidade política por parte de quen a inicia. A arte suprema á hora de levalo á cabo pas por facelo co mínimo de violencia posíbel, algo no que se diferencian a revolución ou a guerra civil, dunha forma rápida e, a poder ser, o máis inadvertido posíbel.

O caso alemán non é propiamente falando un golpe de estado senón unha tentativa abortada de putsch. O golpe de estado en puridade é cando unha fracción do estado confronta a outra, isto é, hai que formar parte do aparello do estado para poder dalo e neste caso os subversivos non estaban imbricados dentro deste, polo que tiñan moi poucas posibilidades de levalo adiante. O estado alemán é un estado complexo e ademais federal, polo que se os golpistas non contan con complicidades en todos os lander ou nas forzas de seguranza, é practicamente imposíbel que puidesen acadar o máis mínimo éxito. Non basta con tomar o parlamento ou a chancelería, fai falta moita máis organización. O que si vexo é que a tentativa podería ser aproveitada politicamente polo goberno alemán para debilitar a oposición de extrema dereita, a que se quere presentar nalgúns medios como afín aos golpistas.

Máis interese ten o caso do Perú, pois aquí si que estamos a falar dunha confrontación entre poderes dentro do mesmo estado. A maior parte da xente identifica o poder estatal co poder que xurde dun proceso democrático esquecendo que dentro dun estado existen outros grupos como os altos funcionarios, que inclúen a militares de alta gradación, policías e servizos de intelixencia e a cúpula da xudicatura. Ademais están os intereses económicos asociados ao estado, que son aqueles que dependen da procura estatal, como os complexos militares-industriais, a banca ou determinadas empresas de servizos e infraestruturas, e todo o aparello de hexemonía, que inclúe as relixións oficiais e os medios de comunicación ao servizo directo ou indirecto do estado. Cada un destes catro grupos pode estar unido ou dividido internamente e os catro están a súa vez coligados ou divididos entre si, pero todos eles en conxunto conforman o que chamamos estado. Pedro Castillo non pareceu entender esta configuración ou non quixo chegar a acordos cos outros grupos de poder, e estes remataron rapidamente con el. Confrontou á vez con outros membros do poder democrático, isto é, con membros do seu propio goberno, do seu propio partido e con outras forzas parlamentares, e con membros doutra fracción, neste caso a xudicatura. Certo é que estes lla xe amosaran hostilidade dende o comezo e entre eles xa lle destituíran varios gobernos e tentaran censuralo en varias ocasións. Mais confrontar abertamente tentando destituír os rivais dentro do mesmo estado foi un erro de principiante dado que carecía de apoios e de organización. A diferenza é que agora irá preso, mentres que antes se conformarían con inhabilitalo ou destituílo. Se se quere xogar aos golpes é preciso antes aprender un pouco de como funcionan os estados.

Comentarios