Opinión

Gas centralizado

O cumio europeo da semana pasada decidiu adiar a proposta do Goberno español de facer compras conxuntas de gas por parte da Unión Europea. Non podo menos que alegrarme do fracaso, temporal, de tan xacobina e centralizadora medida. E non só pola súa dimensión política, que reduciría aínda máis a nosa cativa autonomía en cuestións enerxéticas, como ben lembran nestas páxinas os membros do colectivo Bidán, e que contribuiría a incrementar o poder regulatorio dos tecnócratas europeos. Estes a bo seguro pronto comezarían a estabelecer condicións para dispor do combustíbel aos estados suxeitos a tal acordo, como xa fan noutros ámbitos. Condicións que moito me temo pouco terían que ver coas necesidades de enerxía. Mais a cuestión da centralización dos suprimentos enerxéticos non é só política. Afecta e moito á dispoñibilidade dos mesmos. Estamos a ver como dislocacións no transporte están a causar graves problemas ás empresas da automoción devido á carencia de compoñetes electrónicos, causados pola carencia de stocks que, á súa vez, derivan de filosofías de xestión como o just in time, que gostan de operar con custos mínimos de almacenaxe. Imaxinemos entón o que podería pasar se hai algún problema no transporte ou no suprimento de gas e este está centralizado na súa distribución. Quedariamos todos sen el e, a diferenza de hoxe, que está máis ou menos descentralizado, sen posibilidade de obtelo doutras fontes. Todo isto sen contar que as hipoteticamente escasas reservas serían asignadas por criterios políticos e non puramente económicos, séndolles asignadas a aqueles que os tecnócratas que as controlen crean que son máis importantes, e nós ben podemos non estar entre estes.

A centralización de compras é unha medida tradicional dos estados que buscan aforrar custes usando das vantaxes da escala. Resposta a mesma lóxica que a da defensa do latifundio e a crítica do minufundio, da creación de megacorporacións ou do incremento da escala política, da cal a UE é un bo exemplo, e véndese como o cumio da racionalidade, esquecendo o que nos ensinou o vello Ralph Borsodi de que a escala incrementa os beneficios na produción mais encarece os custes da distribución, ultrapasando estes en moitas ocasións as vantaxes da primeira. En efecto a compra de gas a grande escala pode ser máis barato pero encarece os custes de almacenaxe e incrementa a posibilidade de conflitos no reparto. Esta é a razón de que non compremos azucre, aceite ou deterxente en común e prefiramos facelo de forma individual. As necesidades de gas dos distintos estados defiren tanto no tempo (o inverno, por exemplo, non é igual en todos os territorios da UE) ou a cadencia do mesmo (os fluxos necesarios poden ser distintos por cuestións conxunturais como vagas de frío). Por tanto, decidir cando e en que cantidades se fai a compra pode dar lugar a disputas. Ademais, con este procedemento de compra, se ben non se explica como vai ser exactamente, elimínase a tan necesaria redundancia no suprimento do ben. Ata o de agora no noso Estado temos, se non erro, catro grandes fontes de subministración (dous gasodutos co Magreb, un con Francia e buques gaseiros). Isto pode ser algo máis caro pero garante que non quedemos sen gas, que debería ser o obxectivo. Un sistema centralizado para acadar vantaxes debería ter unha única fonte de subministración, iso si, máis barata (insisto en que descoñezo a solución ofrecida).

De ser así, calquera problema no centro nos deixaría sen o recurso e sen reservas propias (serían redundantes e contrarias á lóxica de escala que se nos vende). En conclusión, benvido sexa o rexeitamento de tal medida. Por unha vez os xefes de Goberno máis sensatos da UE acertaron e resistíronse á centralización “europea”.

Comentarios