Opinión

Trumpistas tamén en Alemaña

Moitas novas tendencias políticas e sociais, para ben ou para mal, expándense dos Estados Unidos a moitos de lugares do mundo. Mencionemos unha desas tendencias, que nos últimos anos coñecemos moi ben: o trumpismo. Se houbese que definir a un trumpista, poderíase dicir que se trata de alguén que, tras gañar as eleccións grazas aos votos da cidadanía, goberna de tal forma que despreza o resto dos poderes estruturais estabelecidos e acordados no sistema político social.

Hai que recoñecer que nese país xa tiveran máis dun presidente pretrumpista, pero facían o que querían en política exterior, non na interior. Na política interior do país, durante décadas, predominou unha actitude respectuosa cara ás institucións, os resultados electorais, a separación de poderes...

En política exterior, moitos presidentes dos Estados Unidos, sobre todo republicanos, defenderon a tiranos de todo o mundo. Impulsaron e financiaron golpes de estado, invadiron territorios, provocaron guerras... Erixíronse en xendarmes do mundo, escudándose no argumento que serve para xustificar calquera cousa: a defensa dos intereses da nación.

Un trumpista é alguén que, tras gañar as eleccións grazas aos votos da cidadanía, goberna de tal forma que despreza o resto dos poderes estruturais estabelecidos

Esta semana fomos testemuñas do último capítulo do trumpismo europeo, que nos pillou totalmente por sorpresa. En Alemaña detiveron a decenas de persoas de extrema dereita porque, segundo a policía, pretendían dar un "golpe de estado". Parece ser que, nun exercicio mimético do ataque dos trumpistas ao Congreso en xaneiro do ano pasado, pretendían asaltar o parlamento alemán e derrogar o goberno elixido pola cidadanía.

Sen ánimos de restarlle gravidade ao que pretendían facer, parece que no estado máis poderoso de Europa necesítase bastante máis para poder dar un golpe de estado; é dicir, non é suficiente con poñer roupa de camuflaxe e un casco viquingo, como en Washington.

É aínda máis preocupante que exista unha corrente que anime a pensar que accións coma esas se poden levar a cabo, que se fomente romper normas fundamentais, que haxa unha ideoloxía que consista nese tipo de actitudes.

O sistema xa empezou a crebarse, e non sabemos como enfrontarnos a iso.

Comentarios