Opinión

Tamén a choiva

A Xunta ampara de xeito incansable dende hai anos o espolio dos nosos recursos naturais. A soberanía enerxética está secuestrada por corporacións que operan co beneplácito desta. Os populares lexislan dende as súas responsabilidades a favor de obra, interpretan o marco normativo en actuacións cuestionables e, cando este é incumprido, mudan a lei ou miran para outro lado. 

Estes meses batéronse récords históricos no prezo da luz. As empresas que venden a enerxía eléctrica en réxime de oligopolio como Iberdrola, Naturgy ou Endesa exerceron a chantaxe diante de calquera mecanismo regulador. Resulta difícil entender que ante a posibilidade de democratizar a obtención de enerxía eólica, os nosos gobernantes estean a beneficiar con tramitacións fraudulentas a estas empresas, provocando un grande impacto medioambiental e paisaxístico cun nulo retorno social.

Outro tanto acontece con proxectos no territorio onde a promesa de emprego e restauración de antigas minas, coma as de Touro ou San Fins, son espellismos tutelados por unha administración que non quere ver a contaminación de ríos e solos que acaban provocando un  dano irreparable nas rías e terras do noso sector primario. Tamén no caso de canteiras sen actividade que na coartada da rexeneración acubillan centos de toneladas de lixo, como acontece na Grixoa (Compostela) ou en Sobrado dos Monxes e pode acontecer na Casalonga (Teo). O paso do tabaco de batea á fariña en termos de marxe de beneficio é definido con euforia pola Plataforma Minaría Sostible de Galicia cando di “Minas e Canteiras cunha segunda vida".

O círculo do espolio péchase coa xestión privatizada do ciclo da auga, protexida pola dereita nun marco normativo  que comezou a regularizarse no 2010 e que ameaza con consolidarse cun anteproxecto de lei na actualidade.

Un día de temporal na illa de Arousa crin ver como chovía do vento. Algo así deberon intuír os amigos do alleo privatizando en mans duns poucos a nosa auga, a nosa enerxía eólica e os nosos xacementos. Cando poidamos exercer a nosa soberanía ao mellor non somos propietarios nin da choiva.

Comentarios