Opinión

A saúde, substantivo femenino

Coa pandemia da Covid chove sobre mollado sobre a crise económica dos "violentos anos 10"; unha década que aumentou as condicións materiais precarias da xente facendo bo o de “traballar máis cobrando menos” para ser máis “competitivos” e, de paso, pagar a factura dunha economía de casino.

Moito se ten falado da “fatiga pandémica" como eufemismo dun problema de saúde mental que habita no subsolo, na pistola con silenciador do non verbalizado, onde a consulta dun médico de familia é un balcón abisal.

Nestes dezaseis meses a xente claudicou por diversas razóns, moitas veces vencelladas entre si. Persoas que atravesaron por graves problemas económicos secundarios á emerxencia sanitaria. Mulleres e homes que non aturaron nin un minuto máis a imposibilidade de socializar o vivir. Casos de empeoramento, tamén no anímico, de problemas de saúde crónicos pero, sobre todo, traballadoras esenciais que baixo a presión dun problema de saúde pública non soportaron máis a sobrecarga laboral e o empeoramento das súas condicións de traballo.

Pola miña consulta pasaron mulleres da limpeza que tiveron que limpar, a maiores do de sempre, o noso medo e o que ninguén era quen de ver. Coidadoras que esqueceron coidarse. Traballadoras das conserveiras, infectadas pola ausencia de medidas de seguridade nas fábricas, despedidas nalgúns casos por enfermar, coaccionadas cando paraban, cansas de investir neste ano longo o equivalente a cinco anos de vida.

Polo centro de saúde pasaron mulleres de cadeas de alimentación que fixeron o seu e o das que non estaban, que nunca eran recolocadas noutros postos de traballo por necesidades da empresa, que nutriron as nosas casas coa súa dedicación. Traballadoras do ensino e a sanidade pública e, tamén, mulleres cualificadas en postos de responsabilidades, sufrindo mobing por homes máis novos cun currículo inchado.

Elas unha vez máis sostendo o noso mundo, pagando un alto prezo, cobrando a metade, perdendo saúde.

Comentarios