Opinión

Rendición virtual

No epicentro da crise dos violentos anos dez, as esquerdas do estado confederais ou nacionais intentaron rebater un modelo económico fracasado, e un réxime político caduco nacido dun peche en falso co franquismo. Arroupados coa indignación cidadá, pretendían evitar que a factura dunha economía especulativa fora pagada cos dereitos da maioría e, ao mesmo tempo, abrir un proceso asentado nos piares dos valores republicanos, dun novo contrato social e do dereito a decidir das diferentes nacións. No comezo da década dos vinte pouco queda de todo iso e, no cotiá baldío, asoma o rostro dunha derrota de todas máis aló de pírricas vitorias persoais ou partidarias. A recesión económica resolveuse co aumento da precariedade nos dereitos das traballadoras e coa creación de novos espazos de negocio no público. A crise de representación do 78 dirimiuse coa fin dunha alternativa constituínte pola esquerda e coa emerxencia dunha extrema dereita amparada, como mal menor, por un capitalismo de amigos do alleo capitaneados por un Borbón.

Na foto fixa do presente, o discurso do odio ao diferente, da exclusión e da xenofobia sedimentan paseniño no val da xente do común, mentres a esquerda real instalada nunha imaxe virtual fai súa a consigna de non incomodar, pactando co modelo que pretendía superar e buscando o seu plácet nun abrazo do oso.

Renunciando a refutar o statu quo, dimite dun modelo social alternativo ficando presa no seu campo de acción dos impactos emocionais, da estética e dos aloumiños do poder. Desistindo de impugnar o estado actual das cousas cesa en darlle resposta ao malestar xustificado das máis.

Os lugares de traballo, os centros de saúde, as prazas, as tabernas e os parques son lugares para por a orella, atender e dialogar sobre cousas que deberan preocuparnos. Escoitade aos rumorosos, non vaia ser que o fascismo sexa aquelo que pasa por diante dos nosos fociños mentres contabilizamos os likes que temos entre a nosa parroquia no twitter. 

Comentarios