Opinión

Noites de Agosto

Algúns depreciaron tanto a verdade que fixeron da realidade un substantivo insostible. Menos mal que temos agosto para liberarnos da nosa condición de reféns. Tan só así podemos sobrevivir lonxe das leccións de xeopolítica sobre a dramática situación de Afganistán, da escalada especulativa da factura eléctrica, da Xunta aprobando con premeditación novas agresións ao noso territorio na Casalonga (Teo), de Baltar homenaxeando a Bóveda, da ovación pechada a Marta Sánchez e Plácido Domingo por cantar un himno que non ten letra, ou do esperpento do fascismo afirmando que se Lorca vivira nos nosos días votaría aos mesmos que o mataron hai 85 anos.  

Non sempre tiven especial simpatía por estas datas. Furtáronme durante moito tempo a cidade que amo. Agora que o roubo é a man armada durante a maior parte do ano, o peso da culpa sobre este mes queda minorada.

Levo máis dunha década aloumiñando sempre que podo as miñas cicatrices na illa da Arousa, a 1980 metros por unha ponte do Continente. O sitio é ben lindo, pero é a xente de alí a que sanda todo tipo de enfermidades. O baixo da casa de Nito e Dolo é o epicentro onde tan só recoñecen a bandeira de Nunca Máis; música, irmandade, memoria e compromiso a mares. O resto dos lugares que visito son nomes propios rodeados de auga: as conversas, o sorriso e a amizade de tantos anos con Carlos e Dani, o son da Voz de Uxía e a familia María Fumaça, os xantares na do Peri, todo o aprendido con Xurxo Mariño, a enerxía dos “Arousers", a bonhomía do enfermeiro Quinso, a forza e o exemplo de Victor e as casas abertas de Juán Ramón, Carmen e Mila.

Este mes ben valeu unha misa se foi para reencontrarme con eles xunto a miña familia despois de ano e medio de pandemia. Puiden facelo compaxinando iso co meu traballo na Orquestra da Atención Primaria no Titanic. Dese repertorio mellor non falar. Para cantar nestes días preferimos outras letras, “Noites de agosto, e a ver o que facemos en setembro. Noites de agosto, non haberá inverno”.

Comentarios