Opinión

As fronteiras da usura

A pandemia da Covid provocou neste último ano e medio a perda de millóns de vidas no planeta, agudizando a creba social e a fenda xeográfica emanada dun réxime económico inxusto. A eficacia dunha vacina inserida no progreso da ciencia amosouse real máis tamén cruel. Controlada por uns medios de produción pertencentes ao sector privado distribuíuse en base ás marxes de negocio, excluíndo dese reparto os Estados que non podían pagala ao prezo dun mercado especulativo. Negar os avances científicos é un luxo que tan só podemos permitirnos no primeiro mundo.

A OMS ten definido ao longo deste 2021 como “fracaso moral catastrófico” todo o  que atinxe a unha distribución equitativa da inmunización, sinalando a actitude egoísta de moitos Estados ricos e compañías farmacéuticas. Nese senso, a organización da saúde impulsou un programa coñecido como Covax para intentar garantir que os Estados con menos recursos non quedasen fóra da carreira da vacinación, pero esta ferramenta ben intencionada reduciuse co paso dos meses a un proxecto de axuda humanitaria. Aínda que sempre existe un retraso na chegada de medicamentos ou de avances científicos aos lugares en vías de desenvolvemento, poucas veces ten acontecido que tan só os países que puideron pagar foron os que finalmente adquiriron as vacinas.

Mentres diferentes variantes da Covid que non entenden de fronteiras deitan mortos e desamparo en sitios onde a usura do primeiro mundo exerce un veto á vacina, na Galiza acadamos un 85% da poboación inmunizada e no outono porase en marcha unha dose de reforzo para persoas imnunodeprimidas e maiores de 70 anos. Os datos fóra son outros; o 35% da poboación mundial está vacinada e no continente Africano só sete Estados superan o 10% .

O capitalismo non acaba de entender que se falamos de epidemioloxía, os arames, os exércitos e os muros non serán capaces de protexernos en cuestión de saúde nun mundo interconectado. Seremos merecentes de todo o que aconteza se non somos quen de mudalo.

Comentarios