Opinión

Ensinar para aprender

Rafael entra devagar mentres eu observo na pantalla do ordenador o retraso acumulado na xornada. -Hoxe non estás acompañado?, -O alumno ten exames, e ti non fixeches as probas que che pedín?, -Despois do Nadal non é recomendable medir os excesos, -Non sabía que ti facías como meu pai que un par de semanas antes da analítica practica vixilia. -Teu pai é unha persoa sabia, o importante non é saber como está un senón canto pode mellorar se cumpre coas recomendacións. A maiores quería saber se o consello que me deu o seu pupilo de Chantada de comer a froita tirando a verde pode virlle ben ao control da miña diabetes. -Se alguén sabe desa enfermidade é o rapaz, que leva moito tempo convivindo con ela como doente antes de estudala.

Cada vez que se presenta no Centro de Saúde un estudante viaxo na máquina do tempo 25 anos atrás para verme cos mesmos medos durante a miña formación asistencial. Moito antes de exercer, algúns fomos esas batas sempre invisibles que pululabamos onde habita a enfermidade. Dende que me reincorporei á Medicina de Familia, unha das maiores responsabilidades foi exercer a docencia cun grupo de mulleres e homes que están a piques de rematar a carreira, marcados por unha pandemia que os illou dos pacientes. Chegados de diferentes lugares do país ou doutras partes da península, as futuras doutoras e doutores pasan a ser durante unhas semanas unha parte importante dunha consulta que agardo poidan reforzar nun futuro. Ás veces teño medo que a saturación que vivimos poida espantalos.

Tiven a sorte de coincidir durante a residencia con médicos como Chus Freiría ou Juan Vidal. A primeira ensinoume a escoitar mentres reivindicaba 10 minutos por doente na Atención Primaria; o segundo aprendeume a mirar mentres estudaba Dereito para preitear coa dirección do hospital por unha aula de docencia digna de Radioloxía. -Que ves nesa radiografía?, -Unha posible lesión tumoral, -Sabes como fai o miñato?, -Non entendo, -Dende o ceo sospeita que pode haber unha posible presa polo movemento da herba. Deixa de buscar a enfermidade no atallo e aprende a detectar todo aquelo que a causa!

Comentarios