Opinión

A eclosión do talento

Nestes tempos de pandemia a música emerxeu como esa compañeira necesaria que pon banda sonora ás nosas pegadas. Durante este ano longo, a soidade tense mirado nos seus acordes, sinalando un antídoto en cada abstinencia.

Se aceptamos a súa función terapéutica, a música do país ten a día de hoxe unha farmacia para darnos. Nese extenso vademécum sobrevoan algúns trazos. Permítanme un bosquexo dos mesmos.
Nada pode entenderse sen aqueles que abriron camiño. Se houbo un Pucho con copyright ese foi Boedo e, antes de calquera outro Andrés, aquí xa tiñamos a do Barro. Para movida a de Vigo, para rock o Bravú, para hip-hop Dios ke te crew. Berrogüeto foi unha estrela irradiadora que non só anovou o folk; Marful a alfaia agochada nun baile de salón, Budiño o noso Paralia, Fanny+Alexander a poesía levada á electrónica, Uxía e Narf o corpo diplomático.

O presente non se entende sen o que aconteceu nos últimos tempos. Os violentos anos dez deixaron das Ataque Escampe as mellores letras escritas en galego para unha canción, un berro que habita a derrota da loita de clases cos Das Kapital, o broncodilatador dos Terbutalina, o capital jazzístico de Abe Rábade, un valo tronzado polo vigor de Sés, todos os que queremos a Eladio, o futuro en VHS de Malandrómeda, a exquisitez de Caxade, a calidade dos Amigos dos Músicos, o pop sen complexos de Oh! Ayatollah, a luz tenue de Chicharrón e a sinxeleza moderna dos Novedades Carminha.

A ecuación dos nosos días presenta vellas incógnitas; desleixo das institucións, fraqueza da industria e os circuítos de difusión. Tamén diferentes respostas ás preguntas de sempre que convidan a non perder a esperanza. Para exemplo a regalía dos Verto Temazos, o reinado republicano de Guadi, o epicentro do terremoto localizado en Ortiga, a delicadeza onírica de Secho, a enerxía de Pauliña, a sonda espacial de Baiuca, o futuro aos pés de Faia e a mestizaxe ambiciosa das Tanxugueiras. Todo dende a certeza de que a forza do noso Grande Amore non será inútil.

Comentarios