Opinión

De corpo presente

Teño corenta e seis anos e son o médico máis novo do Centro de Saúde onde traballo. Nos últimos seis días, a maiores da consulta onde temos pacientes acumulados doutros compañeiros, fixen unha quenda de sábado e dúas prolongadas de doce horas. Na última de onte vin setenta e cinco pacientes, dous de cada tres presenciais. Nada que moitas doutoras non fagan nunha situación que atenta tamén contra a nosa propia saúde. Nestes tempos de incertezas algunhas escollemos mudar para poder unha vez máis  escoitar, aliviar, acompañar ou curar, pero as condicións de traballo non o fan doado. Da situación excepcional dunha pandemia e do noso xuramento hipocrático aprovéitase unha administración que pide máis por menos mentres hipoteca o futuro.

Na casa da sanidade pública chove por dentro. As políticas de recortes expulsaron na década dos dez a centos de médicos de familia que preferiron ir traballar ao estranxeiro, urxencias hospitalarias, emerxencias ou na privada antes que malvivir no marco deseñado pola mal chamada austeridade. Na actualidade tan só habitamos as consecuencias das decisións que outros tomaron. Quixeron axustar números e perderon persoas. A súa irresponsabilidade semella que caducou no presente e aqueles que xeraron o problema din agora buscar a solución. Segundo datos oficiais o déficit de persoal non ten visos de solución. O número de médicos que rematan familia son moitos menos dos que están en idade de xubilación, polo que as perdas non se compensarán coas novas incorporacións como mínimo ate a década dos trinta. 

Non debemos facernos trampas ao solitario. Hai un problema estrutural xerado por decisións políticas onde gañan os seguros privados e perde a sanidade pública e os doentes, a nosa razón de ser. Xerar un marco laboral estable e digno, abrir unha convocatoria extraordinaria de MIR de Familia e aumentar os investimentos na atención primaria como piar do sistema sanitario semellan a única solución a medio prazo; e mentres tanto, quen coida das que coidan?

Comentarios