Opinión

Contra o fatalismo

Escribía hai unhas semanas sobre a necesidade de impugnar o hábitat de intereses onde asenta a súa hexemonía o PP, condición sine qua non para garantir a posibilidade dun cambio real no país. A loita democrática nunca se dá entre iguais cando esas comenencias protexidas polos populares exercen de parte.

A dereita caeu derrotada nestas últimas décadas nalgunhas ocasións, tanto no eido dos combates sociais como no campo institucional, tendo en conta que os primeiros non sempre coinciden cos segundos e cando o fan é cun certo retraso temporal. Movementos como o Nunca Máis ou o 15-M son un bo exemplo, mais tamén a loita obreira de comezos da década dos 70, a pelexa agraria derivada do sistema de cota láctea, o combate contra a reconversión industrial, a defensa dos servizos públicos, o movemento feminista, as loitas en defensa da terra ou as diferentes mobilizacións contra a precarización das condicións de traballo son exemplos de derrotas de gobernos iniciadas na rúa que en moitas ocasións transmutaron anos despois en derrotas institucionais.

O PP rexeu durante décadas o goberno do país agás seis anos, máis tamén a esquerda á esquerda do PSdG exerceu un importante poder institucional, acadando simbólicas vitorias no local co BNG (1999-2003) e coas mareas municipalistas (2015-2019). Foi aquí onde os intereses do protectorado popular se converteron coa complicidade dos socialistas nunha máquina trituradora dun futuro cambio real.

Contra o pesimismo da razón, optimismo da vontade. Cómpre entender a nosa historia recente para saber que as alternativas emerxen dende o malestar e a resposta da cidadanía agredida, e que son os espazos partidarios os que deben acompañar esa demanda e desafiar o estado das cousas. Tamén é importante saber que máis aló da hexemonía do PP e a condición dun PSdG definido entre o vello que renuncia a morrer e o novo que sempre tarda en aparecer, existe un espazo na esquerda nacional que con unidade de acción e xenerosidade pode liderar procesos de cambio para mudar este asfixiante presente.

Comentarios