Opinión

A cartografía dos afectos

Na dialéctica dos tempos escuros investir na irmandade, nos coidados ou no benquerer é unha maneira como outras moitas de habitar o campo de batalla. O mercado poxa por outros valores que cotizan na bolsa; o individualismo, o illamento social, o gregarismo, a competitividade ou a pulsión consumista. Calquera construción alternativa a isto que poida emerxer, precisa empregar un código diferente de valores. Por iso é imprescindible asumir a necesidade de espazos cooperativos onde a irmandade sexa un dos piares básicos na construción do diferente. A pulsión desa necesidade debe sobordar os espazos políticos tradicionais para instalarse por osmose no seo da sociedade. Todas somos quen de identificar a moitas persoas da nosa contorna que antepoñen o coidado dos demais antes do propio, apostando polo benestar colectivo. Fiar con elas complicidades é crucial para fuxir da soidade incentivada polos menos e poder responder en común coas máis.

A liberdade está orfa sen igualdade e fraternidade; o mesmo acontece coa memoria que esquece onde latexa un corazón, abaixo e á esquerda. Fronte ao discurso do odio, non é posible exercer a disidencia se renunciamos a estes principios na praxe do día a día. Cómpre non confundir isto cun sentimentalismo baldeiro, ou cun consenso estéril afastado da desavinza precisa.

Da potencialidade destes valores estaban ao tanto os que no verán do 1936 deixaron as pegadas de Atila en Galiza onde as palabras irmá, compañeira ou camarada eran para eles unha enfermidade a erradicar; tamén os homes e mulleres que pagaron coa súa vida por soñar cunha república de iguais e o dereito a decidilo todo no seu país. Oitenta e cinco anos despois a súa perda irreparable aínda é unha amputación colectiva onde berra un membro pantasma, e Bóveda e Casal son refusilados, día si e día tamén.

É urxente pasar da esfera ao plano para definir a cartografía dos afectos, sabendo que estes non veñen dados de antemán e debemos conquistalos.

Comentarios