Opinión

Apuntalados

Ás veces os pacientes son quen de roubarche un sorriso incluso nas peores semanas. Ese foi o caso de Ramón, que ante a miña pregunta de como se atopaba contestou “estou apuntalado, doutor”. A pandemia instalouse neste final de ano nun eterno retorno onde a operación “salvar o nadal II” achégase máis ao día da marmota de Bill Murray que ao superhome de Nietzsche. As autoridades institucionais contan luces de Nadal e aloumiñan o consumo, mentres fan chamados á responsabilidade da cidadanía. En xaneiro chegarán os choros e ninguén levará a culpa.

Culpable é o primeiro mundo diante da presenza dunha variante coñecida como Ómicron, que semella fuxir da inmunidade colectiva.

Culpable, xa que mirou para outro lado cando a OMS advertiu que isto ía pasar, e definiu este 2021 como “fracaso moral catastrófico” polo desigual reparto dos recursos, sinalando a actitude egoísta de moitos estados ricos e compañías farmacéuticas.

O que si conseguiron as vacinas alí onde foron administradas é unha diminución das complicacións, os ingresos hospitalarios e as mortes. No envés deste éxito, dende a quinta onda do verán é a Atención Primaria a que fica asolagada poñendo a súa resiliencia a proba cada día, forzando a máquina das súas traballadoras.

Na semana pasada tiven 49 pacientes o luns; o martes recibín a noticia de que un dos meus alumnos de Medicina co que estivera toda a xornada do día anterior nunha consulta de 10 metros cadrados era Covid +. Déuseme indicación dende o servizo de preventiva de extremar as medidas e continuar cunha xornada prolongada onde atendín a 73 pacientes, 40 no mércores e tamén no xoves para rematar asistindo a 47 o venres. Rexeitei carga de traballo extra e realicei dous test de antíxenos mentres agardo por unha PCR unhas horas antes de que saia este artigo. Mantiven especial precaución na casa empregando de xeito permanente máscara, comendo, ceando e durmindo só e cancelando pontes e pontellas. Nada que non lle pase cada día a moitas compañeiras e compañeiros que, coma Ramón, tamén estamos despois de case dous anos de pelexa completamente “apuntalados”.

Comentarios