Opinión

A lóxica ilóxica

A pandemia deixou varias certezas e algunha sospeita. Entre as primeiras, a importancia de contar con servizos públicos que garantan unha cobertura ante o risco de exclusión social, o acceso ao ensino, os coidados ou no dereito á saúde. Pola contra, no campo da presunción, algúns sementaron a dúbida de ter a escusa perfecta para deteriorar a rede que foi quen, xunto ao sector primario e as traballadoras dos servizos básicos, de manternos en pé. Curioso proceder o daqueles que estragan as solucións que nos permitiron saír con vida dun momento excepcional.

Moito se ten falado durante este ano e medio da sanidade pública e da situación precaria da atención primaria, obrigada a facer máis con menos cun déficit de persoal e de recursos estruturais. A maiores da sobrecarga de traballo e a presión que as sanitarias tivemos que soportar neste tempo, moitas foron as explicacións solicitadas polos nosos doentes; ante a falla de substitutos, na imposibilidade de solicitar determinadas probas complementarias, polos tempos de espera nas consultas e nas intervencións cirúrxicas, nas dificultades para poder derivar a determinadas especialidades ou no debate público aberto coa cuestión da asistencia presencial. 

Agora que comeza a recuperarse unha certa normalidade nos Centros de Saúde onde máis ca nunca precisamos escoitarnos e poder vernos, o Sergas vén de anunciar varias medidas: a primeira define a nosa sobrecarga e a nosa precariedade nunha nova categoría profesional, a segunda minora o orzamento na primaria no 2022 e a terceira aposta por un proxecto piloto de acceso ás consultas para os doentes baseado nun “algoritmo” . O dicionario da RAG descríbeo como o “conxunto de regras que, ao aplicalas, permiten resolver un problema”. Non semella esa a definición dunha medida que non ten en conta a situación poscovid-19, a dispersión e o envellecemento da nosa poboación.

Máis ca nunca na sanidade pública precisamos de xente, recursos e menos cancelas. Non é este o momento para adoptar decisións baseadas na lóxica ilóxica.

Comentarios