Opinión

Sobre o CES e a súa proposta de darlle de comer aos lobos

Publica o Consello Económico e Social un acordo no que amosa a súa preocupación coa protección do lobo:  O CES une a súa voz contra o cambio do status de protección do lobo en Galicia, e a súa inclusión na listaxe de especies especialmente protexidas que imposibilita a súa caza. Nun manifesto aprobado polo Pleno, o organismo consultivo insta á Xunta de Galicia e ao Goberno de España, no marco das súas respectivas competencias, …para adoitar unha serie de medidas. Entre elas, a de alimentar artificialmente o lobo, en determinadas situacións e condicións controladas. O que en apariencia podería resultar unha boa idea, non o é tanto se revisamos a literatura científica ao respecto da ecoloxía da especie. Resultaría prudente para o CES reflectir no seu manifesto unha revisión obxectiva de toda a problemática arrastrada polo lobo e o gando en todos estes anos (desinformación, xestión acientífica, nula prevención, axudas moi escasas e pouco áxiles, ou mantemento de bulos coma que o lobo é un perigo cerca das casas, etc, etc).Iso, resultaría prudente atender ao que din científicos, universidades e centros de investigación estudosos do lobo, xa que o que agora suxire o CES semella que fica a marxe dese coñecemento. Coma exemplo disto é ben dedicarlle atención á cuestión que propoñen de darlle de comer aos lobos.   Proporcionar alimento de maneira artificial e intencionada, mediante o depósito de preas en determinados lugares do monte, aínda que a priori aparente unha doada solución e beneficiosa cara a diminución de ataques, tan “inocente” medida pode resultar sendo contraproducente, e vai contracorrente de principios básicos da ecoloxía da conservación.

Hai literatura científica que o evidencia, incrementándose os patróns de maior presencia da especie nas zonas onde existe unha maior actividade de acceso a preas ou carroñas [i],[ii]. Os resultados amosan un incremento no número de ataques ao gando que pace, descansa ou se recolle, nos lugares máis próximos á zona de presencia de preas, coma ben poden ser os cebadeiros ou muladares. Entre os efectos observados descríbense: ataques por un efecto de atracción e fidelización sobre ese territorio, aumentando o tempo para as accións de caza ao ter un recurso garantido próximo;  ansiedade á hora de como acceden ao alimento os distintos integrantes da manda; reforzo na aprendizaxe para escoller determinado tipo de presas; e, incluso, xerando interferencias na regulación do tamaño e crecemento do grupo que poderían derivar a nivel local na xeración dun crecemento no tamaño da manda[iii], contribuíndo a nivel local a xerar densidades artificialmente altas.

Dende a crise das vacas tolas procedeuse á activación de protocolos de retirada de cadáveres de gando das granxas coa finalidade de desintegralos baixo control. Antes disto, moitos destes materiais denominados MER (materiais específicos de risco)  eran eliminados/depositados en fosas de cal ou directamente no monte de xeito pouco ortodoxo, resultando un recurso doado para a fauna comedora de preas.

O lobo tense beneficiado disto, a pesar de que os ataques sempre existiron, pero dende a existencia desta norma, as preas no monte convertéronse  en algo  moi residual, aínda que non teñan desaparecido de todo e nalgúns lugares aínda existe unha pequena fracción que acaba no monte.

Débese recordar que o lobo ten unha función de regulador ecolóxico de valor intanxible. O lobo é un depredador, de presas vivas e un oportunista de preas, pero non un necrófago de oficio como poden ser, por exemplo, os voitres. A súa dieta é máis que a parte de gando que come e, tamén, máis que estas preas que comía.

A posibilidade de regresar a un modelo de desintegración de animais ao medio natural procedentes de granxas, por moito protocolo que acompañase esta medida, precisaría duns recursos económicos altos, para evitar que resultase unha práctica de risco elevadísima e grave coa que expor innecesariamente a determinada cabana gandeira. Sería maior o risco que se xera que o beneficio que proporcionaría, para unha medida que, de executala, tería un custe superior ao que supón pagar directamente danos rápidos por ataques.

Unha solución intermedia, non retirar os cadáveres do gando extensivo.

Pode resultar útil para o lobo a  flexibilización da norma de retirada de cadáveres procedentes da gandería bovina extensiva, a que vive no monte todo o tempo,  ou case a maior parte, favorecéndose a súa degradación in situ, baixo a idea de que “gando en extensivo que morre no monte, no monte debe quedar”, aspecto moi diferente á creación de cebadeiros onde se lles facilite comida.

Neste sentido, a aprobación do Decreto 72/2016, do 9 de xuño, xa permite a eliminación de cabalos “baixo supervisión oficial, mediante degradación in situ, de cadáveres de animais equinos explotados en liberdade mortos nos pastos”, e isto debería estenderse á totalidade do gando vacún en extensivo .

Outra solución pasa pola mellora de recursos tróficos e presas para a especie. A recuperación das greas de cabalos:

Diversos estudos determinan que a mellora de recursos tróficos na presenza de presas, en zonas con recorrencia de danos á gandería, supoñen unha maneira eficaz de diminuír os danos sobre estas explotacións [iv]: “Os resultados suxiren que a adopción de medidas de prevención e o aumento da abundancia de presas salvaxes poderían reducir a depredación do gando por parte dos lobos grises e, á súa vez, ofrecer mellores oportunidades para convivencia entre humanos, lobos grises e gando”. Neste sentido sería favorable, en áreas cunha problemática de ataques, manter boas poboacións de cérvidos e outros herbívoros silvestres (“a reintrodución simultánea de varias especies de ungulados silvestres probablemente reducirá a depredación do gando e pode resultar unha das medidas de conservación máis eficaces”)[v], limitándose ou restrinxíndose (permanente ou temporalmente o seu aproveitamento cinexético). No caso da Galiza citar o corzo (Capreolus capreolus)  para todo seu territorio, con importancia nas montañas da Dorsal Galega, ou nas Serras dos Ancares e Courel. Así coma favorecer a súa recuperación en montes do cuadrante da Costa da Morte e na Mariña Lucense.

No norte provincia de A Coruña e Lugo citar a tendencia favorable de incremento de cervo (Cervus elaphus), na última década. Para a provincia de Ourense sería interesante recuperar, nas montañas orientais, a poboación desta especie.

Destacando que en Ourense a recuperación, fai décadas, da cabra de monte (Capra pyrenaica), supón un recurso trófico de moito interese para a especie (Parque Natural do Invernadoiro, ou Parque Natural do Xurés). Estas especies deberían ser motivo dunha atención especial dentro da estratexia, á hora de determinar liñas de actuación claves para o lobo.

Debe considerarse como unha medida estratéxica, para os territorios lobeiros como  Galiza, o caso concreto do cabalo ou garrano de monte. Impulsar a súa recuperación e preservar as greas de cabalo galego, garranos, ou bestas, cun arraigo secular, nesta zona resulta estratéxico, economicamente viable, e gozaría dunha grande aceptación da poboación local. Trátase dun tipo moi particular de gandería, no que os beneficios que redunda sobre o monte superan calquera enfoque destinado ao mercado produtivo cárnico, pero ambos aproveitamentos non son excluíntes.

Antano, este recurso gandeiro tradicional contaba cunha presenza destacable.  Hoxe, este aproveitamento ameaza con estar en “perigo de desaparición” de non mediar un paquete de medidas de recuperación urxente. 

As greas xogan un papel relevante na selección de presas do lobo e permiten restarlle presión e minorar notoriamente os danos á gandería, en particular, ao vacún en extensivo, ademais doutras funcións de control de biomasa, ou a protección do solo fronte os lumes, ou mantemento de celebracións de arraigo etnográfico e popular.

É un feito constatado a contribución excepcional destes  cabalos “salvaxes” para a conservación do lobo ibérico.

A administración debe facer o posible para fomentar un modelo que reforce esta función social do cabalo galego e facilitar con recursos a actividade dos “besteiros”, coa implicación das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común, para poder así recuperar estes animais no monte galego. 

Xunto a isto, apuntar a conveniencia de desenvolver experiencias de recuperación de ungulados salvaxes (cervo, corzo) mediante un plan de re-introdución de poboacións de ungulados salvaxes viables nalgunhas serras galegas con aptitude para dito fin, sendo esta unha opción moi seria para reducir a presión sobre o gando doméstico.

Martiño Nercellas Méndez, biólogo, vogal biodiversidade Adega

[i] Home range, activity and movements of a wolf pack in central Italy P. Ciucci,L. Boitani,F. Francisci,G. Andreoli, First published: 24 March 2009 https://doi.org/10.1111/j.1469-7998.1997.tb01977.

[ii] Tyler R. Petroelje, Jerrold L. Belant, Dean E. Beyer Jr. & Nathan J. Subsidies from anthropogenic resources alter diet, activity, and ranging behavior of an apex predator (Canis lupus) Svoboda  Scientific Reports

[iii] Pablo Plaza; Sergio Agustin Lambertucci. How are garbage dumps impacting vertebrate demography, heath, and conservation? August 2017Global Ecology and Conservation 12(C):9-20

[iv] Grey wolf (Canis lupus) predation on livestock in relation to prey availability. Andrea Janeiro-Otero, T. Newsome, +2 authors C. Dormann. Published 2020. Biology. Biological Conservation

[v] A Review of Wolf Predation in Southern Europe: Does the Wolf Prefer Wild Prey to Livestock?

Alberto Meriggi and Sandro Lovari Journal of Applied Ecology Vol. 33, No. 6 (Dec., 1996), pp. 1561-1571 (11 pages) Published By: British Ecological Society

Comentarios