Opinión

Lúa da Pataca Nova

Vexo con perplexidade que o Nós Diario se suma á inexplicábel moda de poñerlle ás lúas cheas nomes tirados de certas tradicións das nacións orixinarias do que hoxe chamamos Estados Unidos, segundo empezaron a ser recollidos nos anos 30 por un almanaque daquel país, o Maine Farmers’ Almanac. Paréceme chocante que en Galiza se asuman, de forma acrítica, denominacións exportadas polos medios americanos que non tiveron nin teñen ningunha relación cultural nin ambiental co noso país.

Chámame tamén a atención a importancia informativa que se lle dá a unha lúa chea, mesmo cando está máis próxima ao noso planeta e algunha xente dá en chamala “superlúa” (a diferenza de tamaño é mínima e en todo caso indistinguíbel para o noso cerebro: non temos memoria para comparar algo que vemos agora con algo que vimos hai un mes). O que revela é a profunda desconexión das sociedades urbanas coa paisaxe natural, sociedades esas que parecen reparar no ceo e na terra só cando as noticias lles dan aviso de que deben facelo: hoxe toca ver unha superlúa, mañá toca mirar a ardora.

Propoño unha alternativa. Postos a inventar nomes, empreguemos nomes de noso: Lúa do Caldo de Gloria, Lúa da Pataca Nova, Lúa da Sardiña, Lúa dos Caneiros, Lúa da Vendima ou Lúa da Matanza. Unha ración de orgullo nunca sobra e eses nomes son para nós bastante máis familiares ca os grandes esturións do Lago Champlain.

Comentarios