Opinión

Progreso

O telexornal volve falar de atrasos na chegada dos trens Avril e eu dou en lembrar o poema de Curros Na chegada a Ourense da primeira locomotora: "Velaí vén, velaí vén avantando". Se Curros vivise hoxe, como sería este poema? Diría talvez: aínda non, aínda non avanta nin chega? Quen sabe.

Para Curros, que subiu a un tren os seus peregrinos a Roma, aquela locomotora que chegaba a Ourense en 1881 era o Cristo dos tempos modernos. Atrás dela viña o progreso. Un progreso que tardara 30 anos en chegar a Galiza naquel século XIX. De momento xa pasaron 31 desde que o primeiro AVE viaxou de Madrid a Sevilla. E seguimos agardando. 

Suma e segue. Abonda con correr cos ollos polos titulares de prensa para que se nos poña a pel de galiña. Por exemplo: comparados con outros territorios, somos os terceiros na subida do desemprego, o 2,28%, un punto e medio por riba da media do Estado. Dos que traballan, máis de 200.000 persoas perciben ingresos por debaixo do SMI, un SMI que vén de ser denunciado pola CIG ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais por non acadar a porcentaxe recomendada sobre o salario medio. 

E mentres, os bancos que nos sangran cos elevados xuros das hipotecas, por exemplo, obteñen substanciosos beneficios. A roda perfecta: se traballas ou tes unha prestación, obrígante a ter unha conta bancaria. Polo que tes nela non che dan un can, aínda que negocien co teu diñeiro. E mesmo pode ser que che cobren por ter alí os teus cartos, a ti que, se puideses, metíalos debaixo do colchón, pero non te deixan. 

Se isto é o progreso, como diría Curros, que o demo nos leve!

Cada nova que leo xúntase a outra anterior compoñendo o crebacabezas terríbel do mundo de hoxe. 

Quen non vai en tren é Rueda. Vai en moto, como no anuncio da TVG en que nos informan de que esta semana estivo no Land Rober, entrando na casa de todos en horario de máxima audiencia e desbordando simpatía pintando a mona, que todo vale para sumar votos nas vindeiras eleccións. Que o demo nos leve!

Comentarios