Opinión

Merlí

Despois da insistente campaña que a TVG fixo da estrea da serie Merlí, decidín vela. Senteime diante do televisor á expectativa. Satisfeita de que a Galega traducise para nós unha serie catalá da que tiña oído, ademais, boas referencias. De feito, tiña constancia da boa cualificación que recibía en páxinas especializadas e, evidentemente, sentía curiosidade por ver comportamentos alternativos centrados no alumnado, no canto de tanta programación burocrática.

Na campaña de publicidade da serie, esa mesma tarde, nalgún programa da Galega, até foron na procura do Merlí galego, ese profesor que deixa pegada no seu alumnado, e atopárono en Burela, na persoa de Bernardo Penabade que nos foi achegada a través do seu alumnado actual e pasado.

O certo é que, na profesión, xa sabiamos de Penabade, porque non somos alleas ao Modelo Burela, e sabemos que na Mariña, o seu é un traballo exemplar.

Porén, xa na primeira media hora de visionado do primeiro capítulo, sentín unha gran decepción. E algo de carraxe.

E non porque o retrato que fai do cadro de persoal do centro me pareza unha mala caricatura da realidade ou polas incoherencias evidentes da personaxe protagonista. Desgustoume que unha personaxe coma esa, que demostra un comportamento machista coas compañeiras de claustro e flirtea coa violencia no seu acoso á profesora nova e guapa, sexa transmitido como "modelo educativo". Porque ao final ese é o obxectivo, falar doutra forma de impartir docencia, dun exemplo alternativo, e así nos venden a serie e así queren que a consumamos. Porén, como espectadora, xa non podo tragar cun protagonista tan patriarcal, non vale dicir que é unha personaxe complexa coas súas virtudes e contradicións. E non porque considere que a ficción non pode acoller este tipo de personaxes, senón porque non poden vir servidos como modelo de nada. De nada. Determinados comportamentos inviabilizan a exemplaridade das personaxes ou das persoas reais.

Un machista non pode ser modelo de nada. Nunca.

Comentarios