Opinión

Literatura palestina

Cada ano, cando analizo co alumnado o poema "En pé!" de Cabanillas lembro a Yaser Arafat. Falo da fouce e a oliveira, símbolos de loita e de paz. E lembro as palabras de Arafat ante a asemblea da ONU en 1974: "Hoxe veño termando dunha póla de oliveira nunha man e da arma dun loitador pola liberdade na outra. Non deixen que caia da miña man a póla de oliveira. Repito: non deixen que caia da miña man a póla de oliveira". Mais a oliveira...

Estes días leo O azul entre o ceo e a auga grazas á tradución que Rocío Viéitez fixo da novela de Susan Abulhawa, filla de refuxiados palestinos nacida en Kuwait. Fala Khaled que botaba en falta os ovos kinder e viviu nos tempos dos túneles de contrabando. O último dos Baraka conta a historia da súa familia, especialmente das mulleres, desde antes de 1948. Logo chegou Israel e "desarraigaron as cancións indíxenas e plantaron mentiras no chan para cultivar unha nova historia".

A palabra literaria de Abulhawa colócanos ante a realidade. Na introdución lemos: "A finais dos 70 e dos 80, Israel axudou ao xurdimento do movemento islamista en Palestina" ou "documentos desclasificados... demostran a precisión arrepiante coa que Israel calculou a inxestión de calorías de 1,8 millóns de palestinos en Gaza para que pasasen fame, pero non morresen de inanición".

O xoves o alumnado foi á folga pola guerra en Palestina, Raquel e mais eu sumabamos tres alumnas e compartimos aula. Falamos da historia de Palestina. Escoitamos os versos de Rafeef Ziadah, filla de refuxiados palestinos nacida en Beirut. O inglés non foi fronteira que nos impedise sentir a forza da súa voz ou aguantar as bágoas mentres ficaba conmocionada pola capacidade de converter en versos a horríbel realidade: "Hai alguén aí fóra?/ Haberá alguén que escoite?/ Desexaría poder chorar sobre os seus corpos,/ desexaría poder correr/ a cada campo de refuxiados/ e coller no colo a cada crianza,/ taparlles os oídos para que non teñan que escoitar/ o son das bombas polo resto das súas vidas".

Comentarios