Opinión

Desamparo

Unha muller sentou no banco dos acusados da Audiencia da Coruña días atrás. A fiscalía pedía para ela 26 anos de cadea por supostamente asasinar o seu home enfermo de Alzheimer. El tiña 75 anos. Ela 68 e tentou suicidarse. Os sanitarios chegaron a tempo de evitar esta segunda morte.

Cando sentín por primeira vez falar do tema, pensei inmediatamente no desamparo. O desamparo das persoas cando cargadas de anos non atopamos medios suficientes para vivir os nosos derradeiros anos de vida da mellor maneira posíbel, sen que a enfermidade nos prive da dignidade merecida ou sobrecargue de responsabilidades e traballos as nosas familias (e quero dicir isto coa máxima cautela e respecto para ela e a familia).

Pasamos anos e anos, cada vez máis, cotizando mes a mes e pagando impostos para non contarmos cuns servizos sociais e sanitarios simplemente suficientes para atender, amparar e previr casos coma estes. E isto sucede porque somos vítimas de políticas capitalistas, neoliberais, centradas en garantir o lucro das empresas privadas que están en mans dunhas poucas persoas.
Cómpre concienciarse de que entre vivir enferma ou morrer a diferenza pode estar na existencia duns servizos sociais e sanitarios que merezan tal nome.

A muller de Monfero foi absolta por un xurado popular. Mais en Vigo, dentro dun coche, o coche en que vivía desde hai tempo, apareceu outra muller morta. Desta volta os servizos sociais e sanitarios non chegaron a tempo. Na noite do mércores a escritora Iolanda Zúñiga facíanos estarrecer co seu relato descarnado da vida desta muller nas semanas previas. Citaba as súas palabras: "Quero que me ingresen, non podo saír disto soa". O seu relato fai patente a falta de medios e, creo eu, unha consecuente falta de empatía. As súas palabras poñen en evidencia que foron esas carencias as que moveron a man que induciu a morte da muller. Nuns servizos que teñen responsábeis de que non sexan suficientes. Uns responsábeis que nunca se sentarán no banco dos acusados. 

Comentarios