Opinión

Votos (in)útiles?

Entre as moitas andrómenas que circulan está, sobre todo en tempo de eleccións, a dos votos útiles en oposición aos chamados votos inútiles. Digo andrómena porque creo que todos os votos son útiles, noutras palabras, que non hai "votos inútiles", igual que non hai unicornios rosados. Esta precampaña das galegas que xa comezou é un bo momento para reflexionar sobre a utilidade do voto.

En primeiro lugar a cuestión é: útil para quen? Se a persoa que vota está convencida de que o seu voto é para a mellor opción, será útil. Non é de aplicación un criterio puramente matemático de que o voto se traduza en máis ou menos (ou ningún) escanos. Pois aínda que hai persoas ás que lles satisfai apostar polo "cabalo gañador", hai outras a quen nos desgustaría entregar o voto a quen fai políticas coas que estamos en desacordo. Un exemplo da miña propia experiencia: en varias ocasións votei Esquerda Galega nas xerais, sen que isto resultase en deputadas ou deputados no Congreso. Porén, non me arrepinto: en 1982 outras persoas votaron ao PSdG que si acadou escanos mais en 1986 meteu España na OTAN. Creo que o meu voto foi máis útil, mostrando a presenza desas ideas pacifistas en Galicia.

Desde o punto de vista das matemáticas, hai quen fai contas como estas: se o 23 de xullo os 53.246 votos do BNG en Pontevedra fosen ao PSdG ou a Sumar, quitaríanlle o terceiro escano ao PP, dándolle un cuarto ao PSdG ou un segundo a Sumar. Algo semellante ocorrería en Lugo e Ourense, e hai quen se lamenta de que nas eleccións xerais os votos de Sumar en Lugo e Ourense, ou os votos do BNG nesas dúas provincias e mais en Pontevedra fosen "inútiles" ao non se traducir en escanos. Estou convencida de que quen votaron Sumar ou BNG cren que os seus votos foron útiles, revelan posicións que non están representadas noutros partidos. Os únicos votos inútiles son os entregados á dereita.

Comentarios