Opinión

Usuarios Non-Turísticos

Polo ben común, polo dereito á información pública e veraz, vémonos na obriga de expresar a nosa posición sobre os UsuariosNonTurísticos –a partir de agora UNT– da Cidade, do Camiño e do Territorio, en seis teses. 

Primeira: quede claro que nós, os Turistas, ou UsuariosTurísticos, non estamos en contra da existencia dos UNT. Non temos UNT-fobia. Somos comprensivos, teñen dereito á existencia.

Segunda: somos conscientes da importancia económica dos UNT. Os UNT, as UNT, achegan á Cidade, ao Camiño e ao Territorio ese elemento, chamémolo humano, esa nota de cor local, dotándoos da súa particular idiosincrasia.

Terceira: cordial, mais firmemente, apuntamos o noso desacordo coa pretensión dos UNT de reservarse en exclusiva o nome de "habitantes". Tan habitantes da Cidade, do Camiño e do Territorio somos nós, Turistas, viaxeiras, peregrinos, como os UNT. Habitar un lugar por máis ou menos tempo non pode ser un criterio. Sobran pois as críticas ao uso do termo UsuariosNonTurísticos por parte da Empresa de Transportes da Cidade.

Cuarta: a esixencia por parte dos UNT de reservarse unha proporción substancial do parque de vivenda para o seu exclusivo uso, limitando o número ou a porcentaxe de apartamentos turísticos, é inaceptábel. Atenta contra o libre mercado.

Quinta: cómpre criticar as propostas do presidente do Ateneo de Santiago de Compostela e da concelleira de Turismo –que poderían ser imitadas por outras cidades– de limitar a entrada diaria de autobuses turísticos ou o número de grupos visitantes. Onde queda a liberdade de circulación? 

Sexta: as reiteradas peticións dos UNT solicitando de nós un comportamento silencioso están fóra de lugar. Cantamos espontaneamente ao chegar ás vilas e cidades, ao culminar etapas do Camiño, ao tomar posesión da praza do Obradoiro. Pódese prohibir cantar aos paxaros?

En resumo: temos toda a disposición á convivencia cos UNT.

Comentarios