Opinión

Turismofobia e turismopatía

Está vostede sufrindo un gromo de turismofobia? Non estou, doutora, ou penso que non estou. Porén, vostede vive en Santiago de Compostela, onde unha chea de persoeiros alertan do andazo de turismofobia. Alertarán, créoo; engánanse, moitas persoas que, coma min, somos viaxeiras e percorremos outros países, miramos con simpatía as rúas da cidade reflectidas nos ollos marabillados de turistas –por algúns alcumados "de alpargata"–, que nos lembran a fortuna de vivir entre tanta beleza.

Non hai turismofobia, entón? Confúndense, os riscos que ameazan a cidade, e moitos outros lugares de Galicia, a Costa da Morte, a praia das Catedrais, ou as Rías Baixas; a verdadeira ameaza, doutora, é a da turismopatía. Turismopatía? Nunca oín falar desa doenza, déixeme consultar o Vademecum no meu ordenador. Consulte, consulte, mais non creo que a encontre: turismopatía é a invasión dos espazos públicos por energúmenos que se senten autorizados a oulear na Praza do Obradoiro, impoñendo o seu estrondo tanto á veciñanza da cidade como a outros visitantes. Ah, non será vostede desa xente que pensa que a mocidade non ten dereito a cantar e bailar? Non son, doutora, non; oxalá se cantase e se bailase máis; porén si penso que ninguén ten dereito a se apropiar do espazo dos demais, sexa físico, sexa sonoro; estes que contemplo berrando a todo pulmón gritos inarticulados o que dan a impresión é de afirmar que a praza –a do Obradoiro ou outra– lles pertence, que eles son quen de berrar máis alto ca ninguén. 

Mais se é unicamente unha cuestión de decibelios, tampouco é motivo para criticar o turismo... Ou é? Son os decibelios, o bater cos caxatos metálicos na rúa; a interrupción do paso porque hai cincuenta peregrinos camiñando en fileira coa man no ombreiro do de diante, en formación militar; é a expulsión da veciñanza que non pode pagar o prezo dos alugueiros pola proliferación de pisos turísticos; o emprego precario, temporal, pois os empresarios alegan a natureza inestábel do turismo para baixar salarios e ofertar contratos en condicións de semi-escravitude; é a teima de amorear pedras, alterando a beleza de lugares como Baroña, alterando tamén o hábitat de pequenos animais, lagartos, escaravellos que acougan baixo elas. Todo iso son síntomas da turismopatía. Cómpre regular o turismo para que sexa sustentábel e non trastorne a vida da veciñanza, unha boa medicina para a curación dos casos graves de turismopatía.

Comentarios