Opinión

Palestina estreitecida

Choramos as vosas bágoas. As vosas feridas non cicatrizarán en nós. O voso sangue permanecerá indelébel nas mans dos verdugos e dos que permaneceron impasíbeis. Quen vos devolverá as oliveiras derraigadas, as criaturas mortas? Quen poderá falar de humanidade no tempo por vir? 

"A terra estreitécese para nós. Amoréanos na derradeira pasaxe e despoxámonos dos nosos membros para pasar. / A terra esprémenos. Ah, se fósemos o seu trigo para morrer e renacer! Ah, se fose a nosa nai / para se apiadar de nós! / Aquí morreremos. Aquí, na derradeira pasaxe. Aquí ou aí... o noso sangue plantará as súas oliveiras".

O poeta palestino Mahmud Darwish escribiu este poema –tómoo da tradución de María Luisa Prieto– en 1986. Podería ser escrito hoxe, cando a Franxa de Gaza é máis estreita que nunca e está en risco de reducirse a un fío, de ser borrada da superficie da Terra, de se converter nunha gabia ateigada de cadáveres. A Franxa é apenas unha fita de 12 quilómetros na parte máis ancha e seis na máis estreita. En Gaza concéntrase a vosa dor e a vergonza de Occidente.

A cabeza e o corazón únense nun grito. Lembra a cabeza o dereito do pobo palestino á súa terra, a vivir en paz. Lembra as innumerábeis ocasións en que Israel incumpriu as decisións da ONU, ocupando máis e máis territorios. Lembra que criticar os atentados de Hamás non nos fai esquecer que Israel impulsou o seu nacemento en contra da OLP. O corazón non pode ver sen conmoverse o neno ferido tremendo co medo nun hospital de Gaza.

Ninguén que garde no corazón unha faísca de empatía pode permanecer indiferente ante o bombardeo de civís. Gaza é neste momento un campo de exterminio no que a fame, a falta de auga e medicinas, do máis básico, se une ao efecto de bombas e fósforo branco. Cómpre esixir ás organizacións internacionais, aos gobernantes que deteñan a masacre. Por Palestina, por nós, pola humanidade.

Comentarios