Opinión

O custo do 'low cost'

A folga de Ryanair está causando atrasos e cancelacións nos aeroportos galegos. Trastornos nas viaxes, mais unha ocasión para preguntarnos por que están en folga as tripulantes de cabina. Demandan un convenio colectivo, de momento inexistente, petición a todas luces esaxerada, acaída para países bolivariáns. Di o persoal de cabina que carecen dos dereitos laborais básicos, seguramente por ignorar que eses dereitos non son universais, nin moito menos. Onde cren vivir? Como podería a compañía ofertar voos a 10 euros se pagase ben? Certo que o conselleiro delegado de Ryanair, Michael O'Leary, afirmou este mes que acabaron os tempos dos voos baratos, mais non porque teñan intención de mellorar as condicións de traballo, non ho! A razón que alega é o encarecemento do combustíbel. As demandas dos traballadores e traballadoras da liña aérea non parecen causarlle preocupación ningunha, nin sequera sentaron para negociar cuestións como salarios ou xornadas de traballo. Pois as TCP teñen a disparatada pretensión de querer cobrar o salario mínimo de 1.000 euros, como se calquera puidese ser mileurista así como así. Tamén solicitan seren contratados directamente por Ryanair e non por intermedio dunha axencia de colocación, o que dificulta as súas reivindicacións. Non teñen en conta que as axencias intermediarias teñen que vivir. Por non falar da contratación de crebafolgas chegados doutros países, algúns como tripulantes, outros camuflados como pasaxeiros para esquivar os controis de seguridade nos aeroportos. Materia de novela (moi negra).

Unha simple operación matemática mostra a inexistencia de pesos a tres pesetas ou, trasladado ao noso século, de euros a vinte céntimos. Se algo lle custa menos a quen compra, outra persoa, a que traballa para fornecelo, está pagando a diferenza: en horarios extenuantes, en soldos miserábeis, en ausencia de dereitos. A ecuación salarios dignos – produtos baratos non pode resolverse: as compras nesa compañía comercial que empeza por A custarían máis se pagase salarios decentes aos "riders", a roupa nas empresas que explotan nenas e nenos en Bangladesh non podería ser tan barata de pagarlles mellor; cortar o cabelo cunha peiteadora low cost, nunha "academia", a un prezo similar a dúas cervexas significa que non lle pagan. Salarios dignos e dereitos en todos os países, aínda que non poidamos mercar máis dun pantalón cada ano tampouco precisamos máis.

Comentarios