Opinión

Nomes tomados en van

A podremia dos nomes / tomados en van. Unha cita de Catálogo de velenos. Nomes tomados en van:

Liberdade: para tomar unha caña, para non contribuír ao público con impostos, para chamar ao golpe de Estado (outra vez), para insultar. Non para vivir libremente as nosas ideas, sexualidade, lingua.

Ditadura: eleccións, decisións, leis tomadas polas maiorías parlamentarias, en contraposición á exercida durante corenta anos prohibindo toda actividade a prol da liberdade.

Dereito a defenderse: matar civís, bombardear hospitais, escolas, oficinas das ONGs en Gaza, derraigar árbores, expulsar un pobo das súas casas, da súa terra.

Respectar a Constitución: bloquear a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, negar a lexitimidade a un presidente escollido pola maioría parlamentaria, suxerir que é preciso matar 26 millóns de persoas, burlarse do uso de linguas oficiais.

Cumprir as leis: poñer os medios de comunicación públicos, a CRTVG, ao servizo do PP, manipular as informacións, negarse á escolla do director polos dous terzos do Parlamento galego.

Golpe de Estado: chamar así a procesos constitucionais, acordos, leis, rexidos pola maioría parlamentaria; en contraposición a pedir ao exército que destitúa políticos escollidos democraticamente.

Defensa da lingua galega: tratala na escola como o inglés.

Desenvolvemento económico: financiar cruceiros cunha compañía privada.

Turismofobia: nome inventado para describir a quen pedimos control dun turismo que permita vivir nas nosas cidades e vilas.

Feminismo real: o que non se rebela contra a discriminación, a desigualdade, o acoso; o que non é crítico co patriarcado. O feminismo só admite un adxectivo: radical.

Por iso, digamos unha e outra vez en alta voz liberdade, democracia, legalidade, lingua galega, amor, rebeldía, feminismo, igualdade. Son nosas, non deixemos que as corrompan. Liberdade, gardarémoste na nosa lingua.

Comentarios